Estes datos fánnos encender todas as alarmas”, recalcou durante unha visita a Ourense en compañía do secretario provincial socialista, Rafael Rodríguez Villarino, os deputados Juan Carlos Francisco, Carmen Rodríguez Dacosta e Uxía  Tizón e concelleiros e concelleiras do PSdeG.

Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque o INE reflicte “niveis de risco de pobreza que non existían dende hai 13 anos”, polo que cómpre que a Xunta leve adiante “un gran plan de rescate da cidadanía con dificultades”. “Queremos unha saída conxunta da crise, sen que ninguén quede atrás”, apostilou.

Nunha comunidade con rentas, salarios e pensións medias máis baixas que no conxunto do Estado, indicou o dirixente socialista, “Feijóo non pode seguir de brazos caídos” ante este repunte da pobreza. “As competencias de política social están no goberno galego, e ten que poñer toda a capacidade financeira para loitar contra a desigualdade e a exclusión”, apuntou.

Máxime, proseguiu, cando a Xunta ten máis fondos que nunca”, incidiu, logo de recordar que o goberno de España transferiu a Galicia máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios neste ano para facer fronte ás consecuencias da pandemia. Ademais, sacou a colación os 115 millóns de euros que Feijóo tivo “no colchón” durante seis meses, sen darlles destino.

Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero reprobou que o PP rexeitara no Parlamento a proposta socialista para poñer en marcha un plan de loita contra a pobreza, especificamente no caso da pobreza infantil; así como medidas para xerar postos de traballo e fortalecer os servizos públicos.

“A Xunta ten que apostar pola política social, por crear emprego, por favorecer o acceso á vivenda e por mellorar os servizos públicos”, subliñou antes de volver reclamar un plan de emprego xuvenil que, con 10 millóns de euros, poida dar oportunidades a 3.000 mozos e mozas.

“Nós seguiremos na liña propositiva fronte a un goberno galego que carece de empatía, de sensibilidade e de capacidade de xestión para axudar aos galegos e ás galegas que atravesan dificultades”, asegurou, porque “Galicia merece algo máis”.

Neste senso, o máximo responsable do PSdeG contrastou a estratexia do goberno de España coa revalorización das pensións, a suba do salario mínimo interprofesional, a posta en marcha do ingreso mínimo vital ou os ERTE coa “política de brazos caídos” da Xunta e de Feijóo.

SITUACIÓN DE OURENSE

Ademais, o líder socialista manifestou a súa preocupación polo “esperpento” que existe na política municipal de Ourense e “que ten que explicar o PP”. “O PP marchou do goberno local porque dicía que non podía estar nun goberno con sombras de dúbida”, recordou, poñendo sobre a mesa os indicios de malversación desvelados por unha xuíza. “Que van facer agora?”, inquiriu.

Neste escenario, e sinalando que Jácome é o único alcalde dunha cidade galega cos votos do PP, Gonzalo Caballero apelou a Feijóo a que o invite ao congreso do PP que ten lugar esta fin de semana. “Xa que Feijóo está amosando a todos os seus referentes como Casado, Ayudo ou Egea, que teña valentía e amose ao seu referente municipal Jácome”, sinalou.

“A política ten que ser limpa e exemplar», afondou o dirixente do PSdeG, quen evidenciou que hoxe o PP está “enlodado” no “pésimo exemplo de política municipal” que constitúe Jácome ante “a súa falla de xestión” agravada agora polas dúbidas de corrupción que amosa a Xustiza, que ve «indicios de malversación».

RAFA R. VILLARINO

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, criticou “a reedición do pacto da vergoña” entre Jácome e o PP e advertiu de que non abrangue só o que queda de mandato, senón tamén o vindeiro.

E é que, como dixo, está concibido para “manter o baltarismo” a pesares de que “nunca tivo tan pouco poder” na provincia, porque “se sostén cos votos de Jácome”.

Así é, recalcou, que Jácome fai “o que lle peta”, porque non ten “ningunha consecuencia”. E mentres, engadiu, na cidade “non se sabe que vai pasar coa hostalería, as termas ou o comercio”, porque “non houbo un pacto de goberno cun programa para sacar á cidade dos problemas”, senón unicamente para “a permanencia do baltarismo”.

Fronte ao “declive cada vez maior no que están sumindo á cidade o PP e Jácome”, Villarino garantiu que seguirá “traballando para amosar outra maneira de facer as cousas” e “un proxecto alternativo, sólido e estable”. “Nós non imos amparar a malversación e o engano á cidade”, asegurou, convencido de que “se a política castiga a incoherencia, o castigo que terán o PP e Jácome en Ourense será exemplar.