A alarmante sentenza da Audiencia Provincial de Madrid sobre o cartel xenófobo de VOX, que non só o avala senón que conclúe que os menores estranxeiros non acompañados chegados a España son un «problema político e social». Tanto, que nalgún centro onde son atendidos xa foron vítimas de artefactos explosivos despois da incesante campaña da ultradereita contra eles, onde por certo os seus autores nunca foron identificados e, moito menos, castigados. Que a xustiza se suba a ese carro tampouco é unha gran novidade, pois a «caza» ao roxo, activista social, independentista ou podemita é unha ración diaria que dende as altas instancias xudiciais nos son servidas sen cotemplacións. Como se o Tribunal de Orde Público nunca pasase á historia neste país onde esa historia, precisamente, segue a xustificala o mesmísimo Pablo Casado para reescribir o que el dera en chamar «las batallitas del abuelo».

No asasinato de Samuel, o xove coruñés apaleado ata morrer ao grito de «maricón de mierda» no que a Policía, xornalistas e tertulianos varios non ven nada que o relacione coa homofobia, e segundo narraron as acompañantes da vítima nese momento, o único en actuar e tentar arrincalo das mans dos seus verdugos foi un mozo senegalés alí presente. Tamén contaron que había non pouca xente a esa hora e nese lugar, pero que ninguén máis participou no intento de rescate e, se actuaron dalgún xeito, foi para gravar a escena ou para xalear aos agresores. Mentres, horas despois, as redes sociais e as tabernas fervían de comentarios pedindo a identidade dos que propinaron a malleira porque, daban por feito, só podían ser negros, inmigrantes, estranxeiros ou todo xunto. Quen contaría que o único negro alí presente si foi partícipe da agresión pero, oh sopresa! para repelela e disolvela. Para salvar a Samuel dunha morte da que finalmente non puido escapar. Si, un inmigrante que non dubidou en espoñer a súa vida para salvar a doutro, coma fixeron dous compatriotas seus moi recentemente en Bilbao, tirándose á Ría para rescatar a un home que caera nela tras un desvanecemento. É puro instinto, o de calquera persoa que non se para a pensar nos riscos camdo ve a alguén en apuros, pero que ao parecer só se concede aos de ADN español. O mozo senegalés de Riazor apenas tivo espazo nos medios, aínda que xa foi identificado e chamado a declarar, o que sabemos del é grazas á insistencia das amizades de Samuel que o reivindican en cada ocasión na que teñen un micro diante e co que se reencontraron facendo circular un vídeo onde lle agradecen persoalmente a súa axuda, pero que non vimos neses medios onde tanto tempo adican a ilustrarnos sobre por que o crime de Samuel non ten nada que ver coa homofobia nin co delito de odio. Agora, só cabe facer o pequeno exercicio de imaxinar que ese «problema», como diría a Audiencia de Madrid, fose o agresor e non todo o contrario, canto houbesemos tardado en ver a súa foto, identidade e miserias ben espostas á luz pública durante horas. Dos verdadeiros presuntos asasinos, aínda nada sabemos, quizais porque non chegaron do outro lado do Estreito.