Ao mesmo tempo que se desputa a Eurocopa, ao outro lado do Atlántico xógase tamén a Copa América, o torneo por antonomasia da América Latina que sempre espertou gran admiración e expectación nesta beira do mar, non só pola gran cantidade de xogadores daqueles lares que moran na competición española, senón tamén polos lazos indestrutibles da emigración galega cara unhas terras na que habitan ou habitaron tantos dos nosos devanceiros. Non só en Galicia é un torneo apetecible, senón que ten longa tradición no resto do Estado e, por iso mesmo, causou grande decepción que ningunha televisión, agás a nosa autonómica, sexa a encargada de retransmitir os partidos dos países irmáns.

Que as comparacións son odiosas tamén é unha realidade bastante incuestionable, tanto como inevitable. Na fin de semana, despois dos primeiros compases do torneo europeo, a Televisión de Galicia ofrecía un Brasil – Venezuela que se convertía, para os usuarios de redes sociais, nunha especie de chequeo entre retransmisións e comentaristas. Mediaset ofrece, nos partidos principais, os comentarios de Camacho, Kiko Narváez e Manu Carreño, mentres na Galega correron da man de Timi e Gustavo Varela, habituais colaboradores do dominical En Xogo. Se houbese que facer unha estadística, poderiase dicir que os galegos gañaron por goleada, e nunca mellor dito porque colleitaron un éxito case unánime sobre os españois. Frescura, coñecemento e moi lonxe dese cheiro simplón e reseso que tanto dá que falar nos narradores da Eurocopa. Tamén ausente o patriotismo ao que se sinten obrigados -ou quizais é innato- en Mediaset, tentando adornar o que todos vemos dende a casa. Timi e Varela exercen de locutores deportivos únicamente, sen chascarrillos de taberna nin diálogos infantís que fagan sentir ao espectador certa vergonza allea por momentos. Ter sido futbolista non dota necesariamente de poder comunicativo, nin tampouco de conexión con quen está ao outro lado da pantalla. Se a cousa vai de copas, está claro que gaña, por amplo marcador, a aposta galega e da Galega en facernos desfrutar do fútbol sen sucedáneos nin aditivos. Como cada domingo, en realidade.