Este pasado domingo, 30 de maio, o F.C. Barcelona feminino errguía o seu terceiro título da tempada, despois de Liga e Champions chegaba a Copa da Raíña, o último en completar o triplete das abraiantes culés. A nova, neste caso, é o pouco interese suscitado en tamañas campionas a nivel institucional para que, por non estar, non estaba nin o presidente do seu clube, Joan Laporta, que menos de quince días antes non se perdera o trofeo homólogo do equipo masculino. Estaba en Colonia para unha final do equipo -masculino, claro- de baloncesto. Porque entre unha final ou outra, entre homes e mulleres, ninguén ten o menor tipo de dúbida de con quen estar. Do dirixente catalán sabemos onde estaba, da máis alta instancia do fútbol español, Luis Rubiales, nin iso. E da titular do trofeo, a raíña Letizia, outro tanto. Porque nin sequera se molestaron en dar unha piadosa explicación ou escusa. Non foron, e punto.

A Copa da Raíña, nas súas trinta e nove edicións, só tivo a honra de contar coa dama coroada no palco nunha soa ocasión. Non acontece así na Copa do Rey, onde mesmo este mes de maio houbo, atípicamente, dúas finais no canto de unha e ambas contaron coa presenza do monarca e do presidente da Real Federación Española de Fútbol. Non abonda a abismal diferenza de salarios e premios, senón que por enriba as xogadoras  teñen que sufrir tamén o escarnio da ausencia institucional, minusvalorando o seu labor e, neste caso, un ano espectacular nas blaugranas que ben sabemos, de darse o caso de seren un equipo de homes os que consiguen tres títulos tan importantes na tempada, estarían durante semanas nas portadas dos xornais deportivos e abrindo informativos. Elas, o Barcelona feminino, na consecución do maior trofeo europeo, só ocuparon un pequeno recadro nesas portadas, ampliadas para a final ligueira masculina, que é o fútbol verdadeiramente importante. Sempre se argumenta que o dos homes vende máis, que non se pode comparar, que hai que remitirse a quen enche estadios…E así seguirá sendo mentres o trato mediático sexa tan desigual, e o desleixo institucional o prato de cada día. As campionas, conscientes desas ausencias, tiveron tempo para o humor e para «coroar» a súa raíña particular: Alexia Putellas, autora de dous goles e elixida mellor xogadora da final. Tamén para facer a entrega da Copa simulando a presenza da verdadeira Letizia. Brincadeira para suplir o groseiro abandono e para deixar constancia de que se alguén reina de verdade, esas son as xogadoras.