Se hai un xogador que viva un vía crucis neste momento, aínda que non se pronunciara públicamente, quizais sexa Iago Aspas. O celtista non só fixo unha gran tempada, cos mellores números só por detrás de Gerard Moreno, senón que leva nesta mesma liña seis campionatos consecutivos, sendo o mellor ou dos mellores dianteiros da Liga española. Non abondou para que  Luis Enrique, seleccionador da «roja» contase coa súa participación na inminente Eurocopa, afastando a posibilidade de que poida ter unha nova oportunidade aos seus trinta e tres anos.

Aspas supera amplamente en goles e asistencias a seis dos sete dianteiros convocados polo asturiano, quen nunca tivo preferencia polo seu talento nin sequera para amigables nestes dous últimos anos. Apenas queda nada daquel Mundial de Rusia onde un gol seu de calcaño dera o pase a oitavos a España, nun torneo onde igualmente apenas tivo minutos. A reacción do celtismo e dos afeccionados galegos non se fixo agardar, indignación e incomprensión sobre todo, pero tamén un surtido variado de respostas a tamaño desleixo. Aspas reivindicado como xogador da «Irmandiña» e infinidade de «memes» vestido coa camisola portuguesa, algo que de darse unha enquisa, é probable que fose a preferencia natural de destino dos seareiros do xogador celeste, moitos pouco ou nada implicados coa selección española. Aínda así, a non convocatoria enténdese coma un desprezo persoal, algo imposible de avalar cunha traxectoria tan impecable como a de Iago Aspas, motor dun Celta ao que consegue manter en Primeira ano tras ano, desputando partidos e minutos a pleno rendemento que non pasan desapercibidos para ninguén agás o seleccionador estatal. Aspas, se sofre, faino en silencio. Sen amosar descontento nin decepción en público, nas redes sociais ou diante dalgún micrófono. Pero a procesión irá por dentro, a sensación de que faga o que faga, o tren non volverá a pasar para el pese a que poucos xogadores poderán igualar as súas cifras. Xogar unha Eurocopa ou un Mundial, despois de todo, é un salto de calidade para calquera futbolista, o máximo ascenso que se contempla nesa profesión, por máis que houbo galegos no seu día coma Nacho (Compostela) que rexeitaron tal honra ou, actualmente, Íñigo Martínez (Athletic de Bilbao) que alegou cansanzo para desmarcarse de ser convocado. Iago Aspas non fará o «tour» europeo no equipo de Luis Enrique, convertido xa nun mártir da paixón que, no ADN dos galegos, acaba sendo unha emoción crónica.