@gonzalogsoto

O señor Álvaro Santos, concelleiro meteórico e polivalente acaba de asumir a asignatura troncal de urbanismo no concello de Lugo, da que ningún goberno, de dereitas ou de esquerdas, sacou nota. Unha herdanza envelenada na que os socialistas coa súa xestión non foron quen de facer honor a aquel manido dito  de “cen anos de honradez”. Pois non, aos feitos me remito. Unha mágoa para esta bela cidade bimilenaria e para as súas veciñas e veciños que non merecen tantos desatinos.

Resulta un axioma afirmar que urbanisticamente Lugo tivo moi mala sorte nos últimos anos, tampouco os anteriores co PP ao mando foron para tirar foguetes. Unha eiva que está a pagar moi cara esta cidade do Sacramento os seus habitantes e tamén os que a cotío a visitamos; unha cidade con innegable potencial en moitos eidos. Fixéronse algunhas  cousas, non faltaba máis, a creación de solo industrial foi unha delas. Pero xunto a isto, a mala praxe foi unha das maiores rémoras que dificultaron o despegue ordeado da cidade das murallas, monumento declarado Patrimonio da Humanidade, título merecente dun maior esmero, respecto e rigor dos políticos que a rexen.

O señor Santos é agora o novo elexido para pilotar o barco nas augas revoltas e lodentas nas que se moveu e se move o urbanismo en Lugo. Agás Miguel Couto que se foi cunha misteriosa dimisión, aínda que cada vez menos misteriosa e máis xustificada, feito que o honra, a pléiade dalgúns dos seus predecesores crearon época e deixaron páxinas escritas para a historia, con Francisco Fernández Liñares, con múltiples procesos xudiciais e cárcere de por medio ás costas; Xosé Ramón López Besteiro que deixou pegadas para a vergoña, o Garañón colocado nas costas do Parque de Rosalía (pendente de derrube) é un bo exemplo delo. É certo, grazas ás argucias legais, os seus responsables libraron da vía penal, aínda que non moral, trasladándolle a penitencia dos seus pecados ás veciñas e veciños de Lugo que, coma  sempre, terán que pagar os pratos rotos de tanta larpeirada, unha factura cifrada en varios millóns, que serán detraídos de obras e servizos tan necesarios e imprescindibles neste tempo de crise e  pandemia.

 Agora os devanditos responsables, tamén o seu expresidente corporativo, andan ergueitos exhibindo a súa inocencia e pedindo o resarcimento de tan inxusto castigo, repoñéndoos na dignidade que lles corresponde, algún deles con trazas de voltar pola porta grande á vida política activa, como se nada pasara.

Cando tiven a nova da dimisión de Miguel Couto pasóuseme polo caletre que algo gordo debe agocharse debaixo das alfombras do concello de Lugo, pois é unha grande novidade que dimita un concelleiro tan ben colocado e se vaia para a casa. Para dar luz a este sorprendente asunto, o primeiro que fago é chamar a un amigo lucense con memoria acubillada. Cando lle pregunto que pasa no concello de Lugo? O meu interlocutor contéstame con moita resignación: “Non pasa nada novo, éche o de sempre, a historia que se repite”. Lembra que fai anos  xa vivimos un episodio similar con outro concelleiro honrado das filas socialistas, Victor Pérez López Gamarra, quen se afastou da mesma concellería e da política, pois creía que outra maneira de concebir o urbanismo nesta cidade era posible. Pois non, trabucouse, e agora, agás do meu amigo, ninguén se lembra de aquel bo profesional da arquitectura, cando denantes se facía a cotío e, se cadraba, tamén da súa familia. Cousas de Lugo!

 No tocante ao fondo da cuestión que trae causa de tanta desmesura, cómpre facer algunhas observacións ao respecto, elo co fin de deixar constancia de que os cidadáns non somos parvos, aínda que nos traten como tal:

Primeiro, ver porque se arquivaron algunha das causas penais, entre elas a referida ao Garañón, feito que se atribúe a presuntas irregularidades cometidas por aquela xuiza instrutora causante de moitos dos males  padecidos por tanta xente honrada (proxenetas, operadores de contratos amañados e coimas de todo tipo). Tamén hai quen pensa que todo foi unha operación perfectamente artellada para matar á mensaxeira con toga e puñetas de Camariñas. Este tipo de cousas son as que se escoitan na rúa á xente do común.

É certo, pois, que non mediou sentenza penal que acredite a existencia dun delito; pero tampouco existe verdade xudicial que ampare a inocencia exhibida con tanta paixón e vehemencia, cousa que xa pouco importa aos xusticiables que se atopan nesta situación, pois o importante é librar e ter unha excusa para elaborar un relato á medida dos intereses do persoeiro, e xa haberá algún medio de comunicación domado que branquee as súas roupaxes.

A segunda cuestión e non precisamente menor, é o feito de que aquelas condutas instruídas  naquel procedemento penal estaban intimamente relacionadas cos feitos xulgados e penados na vía Contencioso-administrativa, a canle xudicial na que se verifica a legalidade ou non dos actos administrativos, legalidade á que están obrigadas ao seu cumprimento todas as Administración públicas, principio incumprido por aqueles fraudulentos xestores dos bens públicos.

Lembrar que sobre o caso Garañon penden varios autos xudiciais incumpridos polo concello de Lugo no senso de facer efectiva a execución da cousa xulgada, as típicas andrómenas para ir enredando á xustiza e ás veciñas e veciños que queren que se cumpra a Lei.

O Garañón é unha pataca quente a que ninguén lle quere botar o dente, e cando se fala del póñense de esguello, a señora alcaldesa a primeira. Velaí o que dixo o  novo concelleiro de urbanismo nunha recente entrevista ao diario El Progreso. Cando o xornalista lle pregunta: como pensa solucionar o asunto do Garañón? O señor Santos  dá unha resposta moi á galega, e cada quen a entenda como queira: “ Eu niso son moi pragmático. Non coñezo os pormenores do expediente. Primeiro hai que coñecer a situación administrativa na que se atopa; e a partir de aí, ver que opcións hai”. Ben falado, señor concelleiro! Seguramente sexa vostede o único membro da corporación que descoñece tal situación; e no tocante ao seu pragmatismo, criterio que pode ser moi interesante á hora de xogar unha partida de cartas, mais para arranxar o asunto do Garañón, coido que carece de virtualidade

Chegado a este punto, permítame, Señor, a licenza de expresarlle a miña modesta opinión, pois entendo que a solución máis acaída para este tipo de casos élle cumprir a lei e as sentenzas xudiciais, e de paso repoñer a legalidade urbanística vulnerada, recuperando para a cidadanía que vostede representa aquel fermoso espazo esquilmado pola especulación e a usura, feitos que nada teñen que ver cos ideais e valores polos que loitaron tantos socialistas devanceiros.

O Garañón, con sentenza penal ou sen ela, simboliza, pois,  o statu quo dun tempo escuro que debe ser superado con novos xeitos de facer política, asumindo e recuperando os valores enarbolados pola esquerda, fortemente depauperados pola maneira de exercer a política nos últimos  lustros, cuxas reminiscencias estanse a debater entre persoeiros de baixo perfil e desmesurada ambición, instalados moitos deles no poder local. O concello de Lugo é un bo exemplo delo. E para superar este estado de cousas, non serven as postas de esguello nin pragmatismos absurdos.

Aplíquense aquela sabia parábola do viño novo en odres vellos.