Con cada vez menos contido na grella televisiva, da que cada vez máis xente prescinde para desfrutar de plataformas onde elixir contido e non ter que dosificalos semana a semana, cobra maior importancia un programa onde prima o rural, a horta e a vida afastada das présas e os horarios regulados de calquera outro traballo. «Cos pés na terra» vén de recibir un Mestre Mateo á Mellor Realización fai escasos días, xusto despois de pechar a décima tempada e a piques de inaugurar a número once. Non é o habitual, pero o boca a boca foi espallando unha paixón que moitos descoñeciamos ter polo sacho, polas colleitas e polos produtos ecolóxicos de todo tipo que, ás veces, temos tan preto e que nos pasaban totalmente desapercibidos.

Feito co mesmo agarimo que os seus protagonistas miman o terruño, eses anacos case sempre de historia devanceira, con arrecendo a avoas e a infancia, entre froitos que vemos a través da pantalla pero que case saboreamos coma se a traspasasen. O espertar polo rural que nos achega cada luns a Televisión de Galicia e só comparable á carraxe polo vaivén horaria ao que vive sometido, relegado nas derradeiras emisións á case medianoite, despois dun programa de reformas chamado, paradóxicamente, «Galicia Bonita» cando resulta evidente que a Galicia verdadeiramente bonita é a que sae despois, a das familias ou mocidade que un día decidiron, en moitos casos, deixar vida e traballo nas cidades para apostalo todo á aldea e a un entorno onde os días comezan e rematan sen alarmas de móbil nin fichar á saída. Que nos acheguen a esa realidade, aquí ao noso arredor pero que antes podía antollarse tan lonxana, descóbrenos un país que latexa e manténse actualizado, que pon en marcha proxectos co mellor dos avances tecnolóxicos, pero onde a terra baixo os pés segue a ser o instrumento principal. Un oasis no medio da banalidade case xeralizada, da frivolidade e o nulo desafío a saírse do guión do puro entretemento que non ofrece ningunha oferta pedagóxica. Non sabemos se «Cos pés na terra» incluso fará nacer vocacións nalgúns espectadores, pero o que é seguro é que se nunca viviste no mundo rural, nin pisaste a terra mollada nin estiveste baixo as pingueiras das árbores, tes que saber que é tal e como se ve no programa: un mundo tan apetecible que dan gañas de non agardar ao vindeiro luns para mergullarse nel.