Cada ano no que parece avanzar a loita feminista, os principios de igualdade que son alicerce dese movemento e tamén perenne búsqueda dunha sociedade libre de sexismo e machismo, vense cada día enfrontadas a unha realidade de rápido consumo a través dos medios que, no canto de fomentar eses aprendizaxes, caen xustamente en todo o contrario: no control e no abuso normalizado en relacións tóxicas servidas en máxima audiencia, a un público maioritariamente xuvenil, aínda que ás veces nin sequera rebasa a franxa infantil. Ídolos en base á cultura do físico, dun atractivo fugaz que, sen embargo, acaba convertido en espello no que ha de mirarse unha boa parte da mocidade, que atopa nese aspecto un billete ao éxito co outro sexo e, tamén, un futuro cheo de emocións e riqueza con só cultivar o músculo.

Un concursante desa tentadora illa, Carlos Algora, vén de ser detido recentemente xunto con dous amigos por presunto abuso sexual nunha festa ilegal en Colmenarejo, a unha moza aproveitándose do seu estado de case inconsciencia no que ela cre ter sido drogada con burundanga. Non é un guión que non teñamos visto repetido en non poucas ocasións, e no que non mediará violación porque non houbo «intimidación nin violencia», algo imposible cando non eres consciente, pero o actual Código Penal é ao que obriga. A futura Lei de Liberdade Sexual, se chega a aprobarse, quere precisamente evitar esa dualidade e que a violación sexa sempre violación, non únicamente cando acabas morta ou malferida. As violacións grupais son unha «moda» en auxe nos últimos tempos, con frecuencia coas vítimas en estados onde a consciencia está claramente perxudicada pero que, paradóxicamente, soen resultar un eximente para o violador. Ninguén lle mandou emborracharse. E logo que esperaba? Esa mentalidade pervive na sociedade e nos xulgados, e sábeno todas as que algunha vez tiveron que pasar polo calvario de denunciar agresións sexuais e atravesar o deserto de incomprensión e humillacións antes de chegar a un pírrico veredicto, se con sorte acadaron unha condea ao agresor. O produto que consumimos a través das nosas pantallas non é inocuo, e o fomento da infidelidade, da competencia sexual, de comportarse como depredadores mentres se expoñen actividades sexuais explícitas ou descontextualizadas, invaden o espazo de quen aínda está a madurar e absorbe como unha esponxa canto consume. Non todos son maniacos sexuais nin acaban convertidos en tales, pero embrutecer e manipular á audiencia debera ser tomado con algo máis de temor e rigor. A produtora de «A illa das tentacións» pon as mans á cabeza e borra toda imaxe na que saia Carlos Algora, pobre remedio despois de dar cabida e renda solta a modelos de nada, dañinos en moitos casos incluso para si mesmos, pero que sobre todo botan por terra tanto traballo e tanta procura dunha igualdade e liberdade que non implique ser drogadas, violadas e tratadas como obxectos sexuais por calquera que considere que iso é do máis normal. Porque non o é.