Sí, parece que hoxe en día calquera muller ten poder de escolla no que quere ser, e moitas dende logo poden permitirse iso que aínda en demasiados lugares do mundo é ciencia ficción, pura utopía para as que só son animais de carga ou úteros reprodutivos. Avanzar nunca foi doado para as mulleres, nin nunca hai avance tan grande que non se precise máis, que faga innecesaria a reivindicación diaria e a significativa do 8 de marzo. Saír ás rúas é case unha obriga porque detrás, nas que nos precederon, nese cotidián acto de pisar camiños e beirarrúas, hai un martirio vivido e non sempre coñecido. A ridiculización e humillación constante da muller diferente, da que non entra en ningún canon establecido, da que -cada unha polos seus motivos- vai por libre na sociedade que lle tocase vivir. As que decidiron ser libres para ser elas mesmas, pero sempre a costa de pagar un prezo.

Maruxa e Coralia Fandiño «As Marías» de Santiago de Compostela, son a nítida imaxe da represión feminina no franquismo. Familia anarquista, homes fuxidos, agochados ou na clandestinidade, pero mulleres únicamente nunha casa onde as visitas sempre eran para espilas nas vías públicas como castigo por non delatar o paradoiro dos irmáns, para rapalas ou desbaratar a casa de día ou de noite. «Policía Social», chamábanlle. Acosadores de mulleres soas que non atoparon, no medio da loucura, outro xeito de borrar e burlar tanto horror que vestirse e pintarse como se todos os días fosen festa. Como se non vivisen na indiferenza case xeralizada, sinaladas e tildadas de tolas e «solteironas». Morreron así, sen renunciar a unha memoria ante que se negaban a renderse. Nas vilas pequenas, esa asfixia incrementábase, imposible fuxir do escrutinio dunha vecindade moi homoxeneizada, onde a menor «extravagancia» era de dominio popular inmisericordemente. Soubérono Sita e Marinita, dúas das fillas de Rosina, veciñas de Corcubión que en plena ditadura non só non casaron -co estigma que iso supoñía- senón que adoptaron costumes impropias para a época e que foron recollidas nunha desas cantigas populacheiras destinadas a facer escarnio.
                              «Las hijas de Rosina se pinta tanto,
              que su cara parece la de un payaso.
              Embardurnan la cejas y la nariz que talmente
              parecen un albañil. Y por los ojos se dan negrume
             y así pintadas, mucho presumen. Que valen más
             con sus caritas al natural.
                               Y ahora que se lleva la falda por la rodilla,
               permite ver de todo la pantorrilla.
              Y si subir intentan un escalón, se le ve todo el encaje
              del pantalón.
                                 Y con el pelo a lo Manolo
               que no pretendan encontrar novio
               mientras lleven el pelo así,
               aunque lo busquen con un candil».
Non todo se reduce a tempos pretéritos, porque estas mostras de ranciedade e machismo non son ailladas aos tempos que vivimos. Onte mesmo, na cinéfila gala dos premios Goya e nun directo de RTVE, coábanse os comentarios de dous -presumiblemente, porque aínda non foron identificados públicamente- traballadores do ente que pagamos todos e todas, facendo valoracións do físico das convidadas a ese evento. «Esqueletillos, putón verbenero, puta de las que cobran, maliciosa» son epítetos textuais da conversa, pero o máis duro é o ton empregado. O desprezo e a sensación de estar a falar non de mulleres, senón de gando nunha feira. Malo estar moi delgada, pero non esteas gorda porque entón serás unha vaca ou unha elefanta, como lle teñen «cuspido» á actriz Itziar Castro nas súas redes sociais. Porque non importa o que fagas ou o que sexas, vas ser xulgada igualmente polo teu aspecto e iso é o que acabará trascendendo antes que os logros acadados. Pese a todo, a liberdade de ser eu, de sermos nós, paga a pena cada día. Mulleres rachando cadeas e convencionalismos porque debémosllo ás Maríass, ás fillas de Rosina e ás milleiros de mulleres que virán despois do noso paso por esta loita. Que  poidan dicir orgullosas que nunca nos calaron…..E sobre todo, que sempre serán tan libres que nunca precisen lembralo cada día.