Co gallo da «non» celebración do vindeiro 8 de narzo, día no que xa é tradición culpar dos peores males ás mulleres, e despois de que esta mesma mañá veñan de ser desconvocadas as marchas previamente autorizadas, non cabe outra que seguir loitando e reivindicando os nosos dereitos de calquera outro xeito. Incluso sen moverse da casa, porque esta miniserie de sete capítulos, é todo un exercicio de supervivencia e feminismo en tempos onde nin tal concepto nin iso dos «dereitos das mulleres» existían en modo algún. «Godless» (impío/a), aboca a toda unha vila a vivir prácticamente sen homes, mortos nun accidente mineiro en pleno século XIX no indómito Oeste americano. Presa fácil a todas luces, elas sen embargo farán o imposible por vender cara a súa pel.

Sobrevivir despois de non facer outra vida máis que ser esposa e nai. De educar e coidar na saúde e na enfermidade, traballando arreo pero sen ter nunca nada. Respectables se teñen marido e non son estériles, se cociñan e lavan e cosen. Mulleres que un día ven interrompida esa vida que non se escollera, senón que non habia outra ata que a fatalidade se instala en La Belle. De repente cobra máis importancia saber manexar un revólver que o forno, e as xuntanzas xa non son para bordar arredor dunha taza de té. Son no «Saloon», naquel centro de solaz e esparcemento para o descanso dos guerreiros, igual que o prostítíbulo, agora reconvertido en escola infantil e coa rameira máis codiciada exercendo de mestra. Mulleres para as que vestirse con pantalóns e libres de corsés e todo un acto revolucionario no que descobren, sen querer, que quizais hai vida alén de ser unha figura supeditada ós deberes maritais e maternais. Que a sexualidade pode atoparse nun mundo co que nin se atreveran a soñar, agochado no profundo da mente para que ninguén acusase de «enferma» e acabase cos seus ósos na cadea ou desposuída de calquera tipo de honra. Empoderadas á forza, endurecidas no árido do terruño e cansas de ser explotadas. Ninguneadas por canto tratante se ofrecía para «rescatalas» a costa da única posesión valiosa ca que contan. Solidarias con outras mulleres que chegan buscando refuxio do marido que esixe  a súa lexítima posesión. Miña ou morta. Non cabe outro tipo de estado. Mary Agnes McNue e Alice Fletcher son iso que agora se chamaría «disfuncionais». Non se conforman, non entran polo aro. Non queren ser menos que ninguén nin que ninguén rixa o seu destino. Non queren renderse sen loitar, nin queren vivir con medo. Por suposto, ó final, aparecen eles, salvadores de belas damas en apuros. Despois de todo é un «western»…e tampouco nos imos pasar de feministas, non se vaia ofender algún vaqueiro. Pero aínda así, é absolutamente marabillosa.