Como en tantas ocasións, ten que ser a mobilización popular a que dea os primeiros pasos cando se trata de atentar contra o noso entorno e espazo cultural. Riqueza natural que pon os dentes longos a especuladores e empresariado que tamén sospiran por enriquecerse, pero únicamente a base do vil metal. Entrementras, políticos da zona van despertando do sono de Breogán e engadíndose ao clamor que latexa nas redes sociais, encabezados por unha recollida de firmas que xa se conta por milleiros.  Calquera medio é bo para transmitir a indignación veciñal ante a desfeita paisaxística anunciada.

O proxecto eólico puxo os seus ollos sobre os Penedos de Pasarela e o Val de Traba, que quedarían desfigurados e violentados, pero iso non é óbice para a empresa EDP Renovables, máis centrada no «progreso» que en admirar os dons cos que fomos obsequiados pola Natureza. Que o pico Torre da Moa vaia verse dende moito máis lonxe será un dos méritos deses sete aeroxeradores cos que serán agraciados nesa zona. Por se parece moito, en Monte Chan (Concellos de Vimianzo e Laxe) a previsión está en nove xigantes muíños, dos que un estaría incluso dentro do perímetro do propio parque, nun destrozo evidente para todo aquel que non estea cegado pola avaricia. Acostumados a mirar para outro lado e deixar facer, a que nos rouben sen a máis mínima contrapartida e a producir os beneficios que alimentarán a outros, este proxecto foi esa pinga que desborda non o vaso, senón un mar de carraxe e de berros que xa non queren dicir que chove cando nos mexan enriba. A empresa, vista a alporizada resposta aos seus plans, non tardou en recoller cable e asegurar que non hai para tanto, que farán igualmente todo iso pero prometendo revisalo de novo e quitar dun lado para poñer noutro, pero sin molestar a ninguén, por suposto. Migallas que acalen á vecindade en pé de guerra, en tanto que Manuel Antelo, oposición no Concello vimiancés, xa ten promovida unha moción para debater este tema no próximo pleno, para desgusto da alcaldesa Mónica Rodríguez, que argumenta que non é máis que un proxecto en fase embrionaria aínda que tamén promete alegacións para evitar eses presumibles danos na paixase diaria. Canta máis difusión, máis adeptos gaña a causa de deixar a Eolo sobrevoar os penedos libremente, sen máquinas que o dosifiquen nin o domen. Tan libre como leva sendo dende os nosos máis antigos devanceiros, testigos durante xeracións da erosión sobre a pedra, ata formar un conxunto que hoxe atrae admirados visitantes do lugar e doutros lugares, conscientes do poder natural dun entorno que non merece, en modo algún, sermos usurpado para traficar en asuntos de mortais. Deixemos que sexan os deuses, coma sempre, os seus lexítimos e únicos habitantes.