Quéixase o alcalde mazaricán, o nacionalista Juan Blanco, do desatendido que se atopa o rural en canto a servizos tan básicos como ter luz, cobertura telefónica, Internet ou sinal de televisión sen interrupcións que, a día de hoxe, non parece ser moito pedir. Pero  ao Delegado provincial da Xunta, Gonzalo Tremor, parécelle a típica conversa de bar que fas entre amigos e veciños porque claro, o viño solta a língua e de algo hai que falar. A xente verdadeiramente interesada en resolver os problemas dos seus municipios, non os denuncia públicamente, senón que vai caladiña á Admistración a que non lles fagan o menor caso, pero deixando constancia de que pasaron por alí, que non se diga que non os ignoran.

Gonzalo Tremor expresouse de tal xeito nunha entrevista radiofónica, laiándose do tempo que pasamos nestas terras perdidas da man de deus nos bares e nas tertulias, tentando arranxar o mundo cando o fácil é poñerse en contacto coa Xunta que, todos sabemos, acode presurosa a atender calquera demanda dos galegos e galegas que lle sexa solicitada. Independetemente da desfachatez e as formas do señor Delegado, ao que levan a pensar as súas declaracións e ao enorme descoñecemento que se ten nos despachos da realidade no rural, onde non se pasan os días nos bares como dá Tremor por suposto, quizais porque iso é o que fan as súas señorías cando se deixan caer por estes pagos: sentarse a xantar e degustar mariscos e carnes que non nacen no prato, senón do traballo e da dedicación de moitas horas por parte de mariñeiros e gandeiros que despois verán o froito do seu esforzo malvendido a especuladores e empresarios, que serán os que verdadeiramente saquen rédito e beneficio co beneplácito desa Xunta que a Gonzalo Tremor tanto lle molesta que non se dirixan. Juan Blanco asiste estupefacto ao espectáculo tabernario do señor Delegado, consciente probablemente de que calquera atisbo de esperanza en solucionar o antes posible as deficiencias no Concello non van ser atendidas precisamente a curto prazo. En pleno inverno e en pleno século XXI, nalgunhas vilas de Galicia aínda hai que prender o candil para poder ver arredor, e vivir sen eses modernos trebellos chamados móbiles e ordenadores que ir van, pero cando e como poden, demasiado alonxados non de Silicom Valley, senón de Santiago e San Caetano….eses lugares onde podería obrarse o milagre a pouco que houbese vontade. Se Mahoma non vai á montaña…haberá que traer aos delegados territoriais ós bares. A ver se así.