Sabemos que Xapón non é o país que máis loita a prol da igualdade entre xéneros, pero diso a que algúns dos seus representantes fagan chanza abertamente dun alarmante machismo con toda naturalidade, debera haber un enorme treito. Pero non acontece así co presidente do comité organizador do Xogos Olímpicos a desputar en Tokyo este verán, porque o anterior, cando estaban previstos, non se puderon celebrar pola pandemia mundial da Covid_19. Yoshiro Mori, que nun tempo foi tamén Primeiro Ministro do seu país, non tivo problema en laiarse públicamente do mal que fan as mulleres nas xuntanzas, demasiado lareteiras e sen presa ningunha, coa conseguínte perda de tempo para os atarefados homes que sempre teñen cousas importantes agardando por eles.

Considera imprudente que haxa «tantas» mulleres en postos executivos, pese a que o oitenta por cento deses cargos son homes, e non porque elas non teñan ambición ou falta de preparación, senón pola estrutura da propia empresa e a sociedade, que aínda as veta en postos de responsabilidade sen máis xustificación que os arcaicos prexuízos machistas. Na súa diatriba, Mori reducía o espiríto competitivo feminino a que se fala unha, queren falar todas e así, lóxicamente, non se acaba nunca. As xuntantas eternízanse tendo que escoitalas como cabaleiros que son, porque saben comezar pero nunca poñer o remate. Non limitar o número de mulleres nos consellos de admistración xa é un exceso, pero aínda por enriba non limitarlles o tempo de palabra, xa é unha tortura, espuxo alegremente Yoshiro Mori nunha comparecencia onde, antes tales comentarios, parte da concurrencia non só non amosou incomodidade ou rechazo, senón que non foi quen de conter as risas. Son os mesmos que ven normal que unha muller cobre menos que un home aínda que ambos desenvolvan o mesmo traballo e, tratándose das Olimpiadas, abonda ver a diferenza xa non só económica, senón de trato entre deportistas en base a se son homes ou mulleres. Os contratos publicitarios farán protagonista a calquera deportista varón que acade grandes éxitos, pero en caso de ser muller, ademais ten que resultar atractiva e sexi físicamente. Non abondará que bata récords e gañe o que non puido gañar ningún home. Describiuno moi ben o tenista británico Andy Murray despois de conseguir a segunda medalla de ouro do seu palmarés nos xogos de Río en 2.016. Un xornalista felicitouno por ser o primeiro deportista en lograr tal fazaña e el respostou que as irmáns Williams tiñan catro cada unha delas. Pero claro, non eran tidas en conta. Só eran mulleres xogando o tenis. Yoshiro Mori ten oitenta e tres anos e quizais xa non está a tempo de cambiar de mentalidade, pese a que acabou desculpándose polas afirmacións feitas, pero quen sexa que se ocupe de nomear ese tipo de cargos, debera ollar máis cara xente como Murray, capaz de ser un campión e, igualmente, un home do seu tempo que sabe competir na pista pero tamén fóra dela. Ese é o auténtico espiríto olímpico.