Confésolles o meu absoluto abraio. Eu pensaba que nestes tempos de pandemia o importante era a saúde individual e colectiva, como único vieiro posíbel cara a reconstrución económica. Pensaba tamén  que sen garantir o dereito á saúde non se podía garantir o dereito de voto e de participación política. O Decreto do Govern suspendendo as eleccións do 14-F tiña como precedentes os Decretos da Xunta de Galicia e do Goberno vasco suspendendo cadansúas eleccións nacionais e, malia ser inédito-como tantas cousas-na historia electoral, constituía a única ferramenta para garantir os dereitos fundamentais á vida e á saúde e o dereito de participación política.

Mais estáballes trabucado, porque non había tal. O importante seica é a unidade de España, dogma teolóxico ao que todos os partidos unionistas e elementos do Deep State supeditan os dereitos dos cidadáns á saúde, a votar e, xa que logo, a votar con garantías sanitarias. Velaí que fose obrigado suspender o Decreto do Govern porque o Tribunal Superior de Catalunya (como teño dito unha peza do sistema xudicial español, non integrada no Poder autonómo catalán) considera que votar o 14-F presenta un interese estatal “intenso”.  Eleccións si ou si, polo civil e polo militar. E se non queres caldo  dúas cuncas.

O meu erro chegaba tamén a pensar que  non era lóxica en plena pandemia a demisión do Ministro de Sanidade para se presentar ás eleccións, cando o vacinamento está a se desenvolver con problemas e só o Estado ten voz e voto na Unión Europea que merca as nosas vacinas. Mais seica non era así, porque Salvador Illa era o candidato elixido non só polo PSC e os Comúns, senón pola propia Vox, que xa anunciara polo seu voceiro estatal o seu voto por Illa cando aínda non se emitira nin o primeiro voto por correo. Velaí outro erro meu, pensaba que a esquerda estatal que dirixe o Goberno do Estado era incompatíbel coa dereita estatal por ese mantra que tantas veces repiten dicindo que o importante é o social. Pois non, todos a votar Illa como todos votaron Colau no seu intre. E saben por qué? Porque o importante para as forzas unionistas non é nin o social, nin a saúde nin a calidade democrática do sufraxio. O importante é a unidade de España, dogma teolóxico unionista a xeito do dogma católico da Santisma Trindade.

Esta Santa Alianza unionista arredor da solución Illa é posíbel na teoría porque o Goberno do Estado non fixo absolutamente nada nin por achegar unha solución á radical inxustiza  da existencia dos presos políticos cataláns. Nin baseada no dereito de graza nin baseada na despenalización do delicto de sedición, inexistente nos Códigos penais das democracias europeas. Velaí que nin  Garriga nin Abascal, nin A. Fernández nin  Casado, nin Carricosa nin Arrimadas teñan ningún problema, se se lles da a oportunidade, en elixir cos votos dos deputados a Salvador Illa, o candidato do PSOE de Sánchez, que é quen manda de verdade no PSC.

Se a cidadanía catalá, malia todo, rexeita esta Santa Alianza unionista o 14-F cal será a seguinte xogada do Deep State ? Seguerá a ser a esquerda española o lado convexo do lado cóncavo da dereita española?