Nada coma o refraneiro español para situarnos sempre na actualidade, no lugar oportuno por moito tempo que teña pasado. Polo tanto, non é raro que haxa un para describir o chat dos militares «nostálxicos» da ditadura e dos fusilamentos a roxos. Se pode ser, a vinteseis millóns, que xa teñen eles calculado os que sobramos nesta España que, mirade se deixou atrás o tempo das armas, que aínda ten o rueiro cheo de adicatorias a compañeiros dos señores que compartían faladoiro chateiro. E que aínda mantén viva a memoria do ditador cunha fundación do seu mesmo nome coas súas pertinentes subvencións públicas, sen contar que a familia do finado vive, non a corpo de rei senón mellor que o propio rei, felizmente millonarios e acomodados grazas ao poderío espoliador do avó Paco. Por suposto, falando de vivir como un auténtico maharaxá temos a Juan Carlos I Emérito, amasador de fortuna de profesión e vividor de devoción, que agora descansa a responsabilidade de facer o propio no seu descendente Felipe VI. Todos ao calor do mesmo Franco que estes enganados militares añoran coma se tivese desaparecido
O chamamento ao golpe de Estado, a organizarse e acabar con tanto roxo vivindo por enriba das súas posiblidades nesa pantomima das eleccións democráticas, é quizais o mellor retrato da España que pervive nos uniformes e nas togas, no poder omnímodo que atende só ás leises que lles dita deus e a súa patriótica bandeira de aguilucho. Ridículo que sorprenda, porque algo parecido xa o vimos noutro faladoiro de policías onde a vítima era a anterior alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena. Tamén se lle desexaba a morte, aínda que ese era o menos doloroso dos sufrimentos vaticinados, onde non se contemplaba o fusilamento porque iso é demasiado rápido. As louvanzas a Hitler tampouco faltaban, nun contexto tan zafio e vulgar que ben podería formar parte dun realiti deses do telelixo que tanto abundan. Os tribunais dixeron que nones. Que libertade de expresión pura e dura. Que non era para tanto. Non coma os chistes de Carrero Blanco ou as cancións de «el borbón es un ladrón».  Nin punto de comparación. Chama a atención non que o líder de VOX esperte as simpatías dos militares con fame de fusil, a cabra tira ó monte, lóxicamente, pero si que nese trono estea tamén a ministra de Defensa Margarita Robles, presunta socialista ela pero convertida en musa do golpismo franquista que tería coma obxectivo fusilable a moitos compañeiros e compañeiras do seu partido. Cada vez menos, tamén é certo, pero habelos, hainos. A Fiscalía xa está investigando, a petición do Ministerio de Defensa estas conversas entre amigos que, en vez de estar mirando obras no seu tempo libre, andan a exercer de sarxento Arensibia. A España de «Martínez el Facha»…que non morre nunca.