Volve axitarse o balbordo mediático co gallo da aprobación da «Lei Celaá» para o Ensino, onde devolve as línguas oficiais do Estado ao seu estatus de vehiculares xunto co castelán que xa desfrutaban antes daquela «Lei Wert» aprobada exclusivamente coa maioría absoluta do PP. Porque escoitando a algúns políticos e lendo a algúns xornalistas, dá a impresión de que o actual goberno de coalición vén de implantar algo que nunca existira cando existía ata 2013 sen maiores problemas nin catastrofismos. Agora, dende Madrid viven aterrados pensando que nenas e nenos galegos non van poder falar nin aprender a língua imperial en Galicia por culpa do comunismo e, como non, da «imposición del gallego». Parece incrible, pero son cousas que calan en boa parte da poboación.

Ata a RAE acaba de facer público que o castelán precisa ser protexido e arroupado, facendo o xogo aos máis rancios postulados da dereita e ultradereita. Porque se de verdade queren comprobar o perigo que corre a língua de Cervantes no noso país, non teñen máis que enchufar a Televisión de Galicia. Poden comezar na noite do luns, cun concurso presentado por Luis Piedrahita, reputado e afamado humorista e escritor coruñés exercendo de presentador. Non fai falla moito para decatarse do esforzo que supón para o colaborador de «El Hormiguero» ter que empregar o galego, a pouca soltura e seguridade que amosa, exactamente o que nos pasaría á gran maioría con calquera língua estranxeira, unha que non adoitas escoitar nin moito menos falar a cotío. O martes, sen cambiar de canle, temos o exquisito e impecable programa «Na mente do asasino», unha produción que recrea crimes cometidos en Galicia onde interveñen familiares ou amigos dos implicados e, despois, colaboradores nunha mesa de debate. Entre ese grupo de persoeiros son poucos os que falan galego, boa parte deles, tamén con dificultades e atrancos, deixando a evidencia de que non é precisamente unha língua na que se desenvolvan diariamente. Tamén pasa o contrario, xente neste caso máis maior que si é galego falante pero que, estando diante de descoñecidos ou para saír na tele, esfórzase en mudar de língua. Temos o desleixo tan interiorizado que todo o que non sexa o entorno coñecido convírtese nun mecanismo automático para facer desaparecer o idioma. Podemos seguir dándolle ao mando e desembarcar o xoves en «Land Rober», eterna homenaxe á deturpación que fai diso, precisamente, unha das súas cartas de presentación.

Despois están as rúas, cheas de xente que vive en Arteixo ou Bertamiráns (por exemplo) e que xa só falan o galego no que naceron e foron educados cando voltan á aldea, para dirixirse aos vellos da casa ou do lugar, en todo caso a todos menos aos seus fillos ou fillas, non vaian contaxiarse de paletismo ou peor, de nacionalismo. Esa é a auténtica realidade das línguas en Galicia, e deixa moi claro cal é a que precisa coidado e protección…aínda que se empeñen en contarnos o contrario.

[useful_banner_manager banners=97 count=1]