A persoa vicepresidenta dos USA ten, constitucionalmente, moi poucas funcións. Só as de substituiren á persoa presidenta no caso de incapacidade, demisión ou morte e presidiren o Senado con voto cualificado no suposto de empate. Cando un partido ten, polo menos, 51 senadores sobre os 100 totais os vicepresidentes non adoitan concorrer ao Senado e delegan a súa función. Velaí que a elección da primeira muller vicepresidenta ( filla de persoas pertencentes ás minorías raciais)  non lle garanta exercicio do Poder no curto prazo á electa Kamala Harris. Se o presidente non cesa a vicepresidenta non ten máis funcións que as que lle poida encargar o presidente.

Mais desta volta é difícil que este conto vaia ser o mesmo. Biden cumpre 78 o 20-N, o que incrementa (tampouco tanto) o risco de substitución a prol de Harris na presidencia. O que si abre substancialmente  é a probabilidade  que non repita como candidato, o que incrementará as posibilidades da californiana de ser a candidata demócrata no 2024.

Este feito esixirá da vicepresidenta unha ampla presenza política que a faga presente en todos os recunchos dos USA. Mais, a carón desta esixencia, Karmala Harris haberá desenvolver dende o minuto un “in office”   unha axenda de reivindicación feminista e dos dereitos das minorías con propostas concretas que diminúan as radicais divisorias de renda e oportunidades da poboación branca coas minorías de cor. Propostas de radical defensa dos dereitos humanos diante da brutalidade policial. E de reivindicación dunha sanidade pública para todos, no ronsel da Obamacare.

Fronte desta axenda Harris terá boa parte das elites do Partido Demócrata-PD- (os Clinton, a presidenta da Cámara Baixa Nancy Pelosi ou o propio Presidente eleito Biden), mais a vicepresidenta é a única ponte viábel entre a Casa Branca e a á esquerda do partido, representada polos socialdemócratas de Sanders e por boa parte dos membros dos  Socialistas Democráticos Americanos -SDA- (onde partillan as deputadas federais da Cámara Baixa Alexandra Ocasio-Cortez e Rashida Tlaib) e os movementos sociais, entre eles o Black lives matter. Unha á esquerda  que non vai ficar parada en canto decorran meses sen enfrontar solucións dende Washington a respecto dos fondos problemas de racismo e inxustiza social da América de 2020.

É verdade que Karmala Harris non é, porén, unha revolucionaria, senón unha progresista pragmática que non dubidou en desenvolver  un relato de law and order cando foi fiscala en San Francisco (2004-2011). Mais como senadora e candidata defendeu propostas que, sen chegar ás de Sanders, Ocasio-Cortez e Tlaib debullan unha axenda vencellada ao progreso das minorías e das persoas en risco de exclusión.

Porén, cómpre lembrar que USA é un sistema federal onde a Administración de Washington ten amplos poderes nas políticas de defensa e exterior e capacidades moito máis curtas na política interior, só vencelladas á lexislación de dereitos civís, mercantil e laboral, as grandes infraestruturas comúns e ao financiamento de determinados programas de axuda sanitaria e social que poidan executar as Administracións estatais e locais.