Que a ficción supera á realidade é algo que temos constatado ben de veces. Que a Xunta de Galicia e o seu presidente Alberto Núñez Feijóo se monten a súa propia película, tamén. Porque hai que vivir nunha dimensión moi distorsionada para que alguén crea que, despois de sete anos de goberno «amigo» de Mariano Rajoy, sexa agora outro goberno, o «bolivariano, frankenstein, comunista» de PSOE e Podemos quen por obra e graza dos esforzos do dos Peares, aprobe á primeira a petición de rebaixar e bonificar as abusivas peaxes na AP-9.  Pero por ver se cola, non vai quedar, e onte nada máis quedar reflectido no proxecto dos Orzamentos do Estado esa histórica demanda do BNG, a Xunta xa se atribuía o éxito nas súas redes sociais.

A simulación interactiva do noso presidente pasa por enchufarnos, como en Matrix, a unha ilusión onde nada é o que parece, pero que apenas se nota. Non importa que o mérito sexa exclusivo do BNG e o seu único deputado no Congreso español, Néstor Rego, que no documento de concidicións para apoiar a investidura de Pedro Sánchez, levaba no seu punto cinco esa esixencia de rebaixa. Co cambio de goberno, na Xunta descubriron de pronto que era unha desfeita que o pobre usuario da autoestrada do Atlántico deixase medio soldo circulando por ela, os que se podían permitir facelo. Nunca os dez deputados galegos do PP na Cámara española caeran na conta de que eles, sendo maior número que o solitario deputado do BNG, poderían ter feito forza e acadar antes coma fixo agora Néstor Rego, a necesaria bonificación que en tanto mellorará a vida dos que precisen circular por esa vía. A ver se, realmente, o asunto era que non se podía molestar a Mariano, máis preocupado por «cociñar» esas cousas que fan os cataláns que asuntos duns periféricos galegos que, sabe el de sobra, tampouco van protestar moito.
O chío dende a conta institucional da Xunta arrogándose tan boa nova, só serve para manter unha vida virtual que nada ten que ver coa que terra que pisamos. Mentras outras Comunidades Autónomas xa decidiron, en base ao recentemente decretado Estado de Alarma estatal e ao marxe de acción que deixa, sobre horarios e peches perimetrais, o noso sempre louvado e admirado presidente en toda tertulia e xornal alén as nosas fronteiras que se precie, dou unha rolda de prensa para dicir o mesmo que xa sabiamos: nada. Que si, que se ía xuntar unha comisión para ir vendo. Pero con calma, pero que para voltar ao mundo real xa haberá tempo.