Dese xeito definía o escritor mejicano Carlos Monsiváis ao «macho» por excelencia. A ese que se cre con poder e autoridade para tomar coma súas vidas que non lle pertencen, pero que tenta dobregar e dominar. Bárbaros baixo apariencia humana contra os que loitar está sendo unha ardua tarefa porque, desgrazadamente, ás veces contan coa connivencia de quen debe exercer xusto o contrario, a protección á vítima e o castigo ao machista, violador, asasino ou maltratador. Ou memo todo xunto.

Este xoves, os movementos feministas valencianos teñen convocada unha concentración de denuncia e solidariedade coas vítimas de violacións grupais, en claro aumento nos últimos tempos. Nesa Comunidade Autónoma, nun breve lapso de tempo, tres mozas sufriron ese tipo de ataques, con agresores que nalgún caso tamén eran menores. Violación, gravación e difusión das imaxes, un ritual xa convertido en denominador común de todos estes casos. Elas, moi xoves, drogadas a propósito ou aproveitando unha noite de festa onde acaso beberan e a súa vontade se atopara debilitada. Porque se bebes, é posible que te violen, que para eso eres muller, unha doutrina que aplican moitos xuíces, convertendo á vítima en culpable e ao agresor nun deses machos bárbaros que non puido conter os desexos propios da súa especie.  O Movemento Feminista Valenciano incide nesas actuacións, e pide unhas resolucións duras e inmediatas, claras para que non quede xénero de dúbida de que violar non sae gratis. Sete homes que violan a unha nena de catorce anos non poden andar soltos, non hai escusa de ningún tipo que xustifique un mínimo atenuante. É barbarie pura. Algún dos xuíces destes casos, nin sequera se molestou en tomar medidas preventivas, aínda que a agredida só tivese dezaséis anos, aparte da demora na instrucción que só beneficia ao agresor.
Fóra de Valencia, a historia repítese con demasiada frecuencia noutros lugares, e preto de nós, na provincia de Pontevedra, sete adolescentes viven baixo supervisión policial a causa da violencia machista. Non se pode vivir así sempre, a solución ten que pasar por outros ámbitos ademais do policial e xudicial: ten que ser educativo. Ensinar dende o berce que non se viola, nin se maltrata ás rapazas. A igualdade e potenciar o non sexismo dende cativos, á hora mesmo de mercarlle os xoguetes, de vestilos…de darlles a liberdade de escoller e non coartar ao neno que queira unha boneca ou un carriño de bebé. Porque iso segue a pasar, e pode parecer algo baladí, inocuo, pero non é así. É o pouso da diferenza, que non convertirá a todos os homes en violadores, por suposto…pero que esgrime a idea de que son cousas de débiles, non de machos que, no peor dos casos, acaben convertidos neses bárbaros que si poderían ser evitables.