Hoxe, 15 de outubro, é o día elixido para render homenaxe ás mulleres do rural, unha data elixida polas Nacións Unidas para conmemorar a esa carta parte da poboación mundial tan decisiva no desenrolo e prosperidade do entorno. Moitas delas nunca coñeceron o feminismo, pero sen embargo fixeron causa nel, empoderadas nun tempo onde tales termos nin sequera existían. Illadas e soas, cos homes emigrados, ausentes, viúvas de vivos, nais solteiras, coidadoras de vellos e novos. Todos e todas vimos da aldea, dese lugar onde ao erguernos nosas avoas xa tiñan prendido o lume na cociña de ferro, co inconfundible arrecendo a fogar e a faíscas bailando en pleno aquelarre. As batas, os mandiles e os panos tendidos na horta coma armas de guerra nunha corda entre frutais, lonxe do sembrado de hortalizas que prantaban e coidaban con esmero. A horta coma santuario, principio e final do día. Entremedias, vivindo tantas vidas coma oficios desempeñaban: labregas, gandeiras, cociñeiras, puntais familiares con todo o que iso antes conlevaba: casas cheas de diferentes xeracións sacadas adiante porque elas nunca desfalecían. Non porque tivesen vocación heroica, senón porque era algo que non podían permitirse

En moitos lugares do mundo, o illamento aínda é unha constante, as carencias básicas, o rudimentario entorno onde elas exercen de leonas para subsistir e que subsistan os seus descendentes. De sol a sol sen perceber nunca remuneramento algún, adicadas a arrincarlle á terra alimento e auga. Mulleres que non se prantexan outro xeito de vida porque non o coñecen, que nunca saberán que sen o seu aporte media humanidade non tería existido. Loitadoras que non saben que o son pero que o seguirán a ser ata o fin dos seus días. Erradicadoras de pobreza, formiguiñas que nunca se deteñen a escoitar á cigarra, demasiado ocupadas neses terreos dos que exprimirán o maná que xurde non dun milagre, senón do esforzo que nunca obterá xusta recompensa. Mulleres imprescindibles antes e tamén agora, motores que dinamizan vilas, comarcas e nazóns. Pés afundidos na terra ou na area mollada, espiñas dobradas e sacho na man, intemperie e sufrimento, así ao longo dos séculos. É tempo de reivindicarse, de reclamar o espazo que pertence a todas esas avoas e nais que viviron para que viviramos, sen outro cometido. Coma aínda fan ao outro lado do mundo. Por todas elas vai un día no que non descansarán, pero no que terán a lembranza e o agradecemento das que nos criamos vendo como erguían o mundo cada mañá.