Parece incrible que neste tempo, nun país presumiblemente avanzado, con todo tipo de ferramentas para solventar problemas de calquera que sexa a súa índole, algo tan básico coma a Educación aínda manteña taras que custan vidas

Porque se unha moza de dezasete anos en plena desesperación non atopa máis solución que o suicidio, algo moi grave está a fallar. E non só nas escolas ou na Administración, tamén nas familias, na propia mocidade que encontra divertido acosar, humillar e afundir a quen non fixo mal ningún máis que querer ser libre e amar a quen o corpo lle pida. Experimentar e descobrir porque esa é ensinanza que toca con esa idade. Pero non contabamos co odio do intolerante, o desprezo a quen consideran diferente, a inacción duns centros de ensino que, hoxe en día, deberan estar máis que vacinados contra esas actitudes, e seren detectadas con tempo e resortes de axuda. Porque querer morrer ás veces non é só un sentimento puntual, unha frase recurrente. Querer morrer foi dito e feito para Nerea. E non se concibe.

Ata que punto hai que sentirse desvalida, soa, incomprendida, para non ver ningunha luz á saída do túnel. Ata que punto odiar é un arma cargada de balas que apuntan directas ao corazón, que asasinan fría e longamente, deixando que a vítima agonice e sufra. Entornos pequenos convertidos en infernos grandes, viciados de prexuízos e sen a piedade que pregona esa relixión que din profesar, a mesma que se inmiscúe nas decisións educativas para salvagardar «as tradicións», o que se leva considerando toda a vida «normal», sen dar opción á que a normalidade sexa determinada por cada quen sobre si mesmo. Saír do convencional aínda ten castigo, marmullos arredor, insultos nada disimulados, acusacións e ignorancia que ninguén considera importantes. Que alimentan o primitivismo de quen as profire. Actualmente, que cada colexio conta con aulas de apoio, de orientación, de psicólogos en moitos casos, de profesorado xoven e formado pero que, sen embargo, non viron nada.

Ninguén notou o sufrimento de Nerea, «cousas de rapaces», soe dicirse. Non será para tanto. Agora, todos enmudeceron, as redes sociais xa non cuspen veleno, os veciños xa non teiman sobre os «vicios» desa rapaza, e tampouco se escoitou ningún perdón. En todo caso, é demasiado tarde para unha vida estragada, arrincada por quen debera coidala e salvala dos depredadores da moral e os bos costumes.

Incapacidade permanente dun sistema anclado baixo sotanas e estigmas que xa deberan ser parte doutra época, pero que perviven no pupitre do lado ou porta con porta. Desolación e carraxe, pero sobre todo…impotencia e tristura. E se quedara conciencia nos verdugos, que nunca deixe de lembrarlles que vivir tamén implica deixar vivir aos demais, aínda que non sexan coma un ou unha. A diversidade non mata nin asasina: os seus odiadores, si.