Só hai unhas semanas que un grave accidente de tráfico provocado polo exceso de velocidade custou a vida dun mozo de vinteún anos en Cee, ocupante do vehículo nunha noite que pretendía ser de diversión e acabou sendo de loito. Todos ficamos doídos, espantados pola traxedia, pero non tardamos en comprobar que a imprudencia ao volante ten a memoria moi fráxil. O venres pasado un grupo de mozos, en nome dunha película de descerebrados que se adican ás carreiras ilegais de coches polos rueiros, quixeron emulalos e non atoparon sitio mellor que unha costa de Vimianzo que conduce ao campo de fútbol, con moita pendente e que os fixo «voar» tal coma se fosen os actores de Hollywood nos que se inspiraron para tamaña fazaña.

Podían telo feito sen testigos, con nocturnidade e sen publicidade, pero entón, coma na película, non tería graza ningunha. Así que nun alarde de estupidez propio de quen non imprime a mesma velocidade á neurona que ó coche, tiveron a ocorrente idea non só de gravarse, senón de subilo ás respectivas redes sociais ben etiquetados cos seus nomes e identidades. Que non quedase dúbida de que Vin Diesel podía ter un digno herdeiro que nacera en Carballo. Que o vídeo corríu coma a pólvora xa é algo sabido, e que a raíz diso as autoridades tomaron cartas no asunto, tamén. Coma pouco enfróntanse a multas e demais derivadas das infracións de Tráfico, incluído un delicto contra a Seguridade Vial e, dada a dimensión e repercusión do acontecido, tamén cabe a posibilidade de que non poidan seguir mantendo os postos de traballo que mantiñan, nalgún caso, en servizos subvencionados do mesmo Concello de Vimianzo.
Caer de heroes a viláns foi tan rápido coma o descenso emprendido esa madrugada polas rúas vimiancesas, pero aínda segue sen entenderse coma, despois de pensar que era unha boa idea xogarse a vida -e poñer en perigo a de outras persoas- imitando unha ridícula película, no colmo dos despropósitos ademais decidisen que todo o mundo os vise facer o parvo. «Quentámonos», foi a escusa dada por eles mesmos para acompañar o vídeo. Pois todo apunta a que, de protagonizar carreiras a toda velocidade, van pasar a contemplar a vida moito máis lentamente nun inmediato «Los lunes al sol».