José Manuel Dapena Varela
Abogado

Falouse moito (e aínda se fala) da cidade de A Coruña (capital da provincia do mesmo nome) con motivo do torticero camiño que, nunha xornada final adulterada e viciada, precipitou a 2ª B ao Real Club Deportivo de La Coruña (sic -¿cando se cambiará a denominación oficial do Dépor?-).

Fálase tamén moito estes días de Ourense: da súa capital, polo esperpento que se vive no seu concello; e da provincia, polo desastre medioambiental ocasionado polos incendios que destrúen a súa riqueza natural.

 

A Coruña, Ourense…, non semellan nomes difíciles de pronunciar nin de escribir, ao menos se o comparamos (nós), por exemplo, co municipio de Cruïlles Monells i Sant Sadurní de l’Heura, en Girona.

Apunto esta curiosidade porque na conta oficial da Policía Nacional en Twitter (@Policia) son capaces de caligrafiar «LLEIDA» ou «GIRONA», pero resísteselles «OURENSE».

Descartado o descoñecemento da lexislación vixente, non se entende o empecinamento do Community Manager tuitero, pois advertido do erro, non houbo contestación nin rectificación. Entendo (visto o visto) que estaría ocupado co affaire Fuenlabrada e poñendo «me gusta» ao tuit dun tal Isaac Fouto sobre «LIBERTAD». Botei en falta esa mesma afectividade no caso da liberdade do capitán blanquiazul Álex Bergantiños…

Algúns aproveitan estes tempos para pretender tratar á Coruña como unha aldea e ao Deportivo como un equipo de aldea. Benditas aldeas. Nas circunstancias vividas, como coruñés e deportivista, lonxe de ser un desprestixio, é un orgullo pertencer a unha aldea como A Coruña, reducto de dignidade, como a aldea gala de Astérix e Obélix. A dignidade non ten prezo; para todo o demáis: «La Liga».

(¿É casualidade que personaxes como Obélix ou Braveheart porten os cores blanquiazuis? (chiscadela, chiscadela) ).

Na Coruña temos un menhir luminoso como símbolo e estandarte, preto doutros menhires de pedra erguidos nun campo regado con sangue de loitadores pola dignidade e pola liberdade. Sabemos ben nesta terra o que é esa loita.

Tamén sabemos estar ás duras e ás maduras. En apenas uns días alcanzouse a cifra de máis de dez mil socios abonados ao Deportivo en 2ª B. ¡Manda carallo! Suma e segue.

A Coruña será unha aldea…, unha aldea de manda carallo.