Como avogado sei moi ben que o indulto para as nove persoas, presas políticas, soberanistas catalás non é ningunha solución en Dereito, pois que o indulto non extingue a responsabilidade criminal nin pode suprimir  as penas de inhabilitación para cargos e funcións públicas (agás acordo, hoxendía impensábel, do Tribunal Supremo que condenou inxustamente estas persoas) nin as indemnizacións por responsabilidade civil. O indulto supón agardar a graza do Goberno do estado. Velaí porque considere lóxico que non o pidan  nin as persoas condenadas nin as  organizacións políticas e sociais ás que pertencen.

Porén, vai para tres anos que estas persoas cumpren condenas (entre 9 e 13 anos de cárcere) inxustas e desaqueladas, mentres Urdangarín saiu por menos de seis anos e o Emérito vive na impunidade nos Emiratos Árabes Unidos. O Tribunal Superior do Land alemán  de Schleswig-Hollstein amosou a incompatibilidade do tipo penal da sedición (polo que foron condenados os patriotas cataláns) co Dereito Penal da Europa democrática e o xuiz competente de Bruxelas rexeitou a euroorde que reclamaba a extradición do conceller Lluis Puig por ser incompetente o Tribumnal Supremo español para pedila. Porque non haberíamos esquecer que o Tribunal ordinario predeterminado pola lei para os presos políticos cataláns era o Tribunal Superior de Catalunya, que emitiría una sentenza recorríbel  perante o Tribunal Supremo español. A atribución a éste da competencia para xulgalos vulnerou o seu dereito a unha segunda instancia xudicial, en aberta contradición coa Convención Europea de Dereitos Fundamentas.

Para máis, o Tribunal Supremo, como Tribunal emitente da sentenza, ten revogado o réxime penitencial dos presos polítcos, quer en segundo grao ao abeiro do artigo 100.2 do Regulamento Penitencial, quer no terceiro grao. Deste xeito o Tribunal Supremo ten desartellado o réxime competencial e de recursos en prexuizo das Xuntas de Tratamento das Administracións penitenciais, dos Xulgados de Vixiancia Penitenciaria e das Audiencias, nunha nidia manifestación de recentralización competencial e inxusto agravamento das condicións de vida dos presos políticos que axiña se vai extender á meirande parte das persoas presas, agás para aqueles que o Deep State sinale como dos seus.

Velaí que sexa preciso esixir do Goberno do Estado e dos dous partidos da esquerda estatal que o alicerzan un indulto urxente que poña na rúa ás nove persoas presas políticas inxustamente retidas nos cárceres cataláns, sen prexuizo de que estas persoas, as sdúas familias e amizades, as súas organizacións políticas e sociais, a cidadanía catalá e as xentes de ben do resto do Estado e da Europa democrática sigan a pular até a derradeira instancia xudicial polo nidio recoñecemento da súa inocencia.

Se o Goberno do Estado adia ou rexeita esta decisión, PSOE e UP amosarán ser máis do mesmo: pertencer á lóxica represiva do Deep State, pertencer ao perímetro do problema e non da solución.