Nos tempos que corren a lealdade en política non é un valor que cotice á alza, aínda que debería ser unha esixencia da conduta moral para todo aquel ou aquela que aspire a un cargo público en representación da cidadanía da que vai proceder a súa lexítimdade, cuestión última que, na maioría dos casos,  semella esquecerse, pois ao día de hoxe o arte da política está máis centrado no regate curto e a cambadela. Un exemplo paradigmático desta eiva foi o sucedido o pasado 29 de xullo co gallo da designación da alcaldesa de Monterroso, protagonizado neste caso por unha muller xove, Rocío Seijas e os dous compañeiros que a seguiron nesta aventura, practicando neste caso o máis descarado método de felonía, logrando con elo a forzada dimisión como alcalde de Antonio Gato Soengas, o líder da agrupación política que puxo no cumio aos tres persoeiros díscolos, logrando a este prezo o bastón de mando, que non o poder lexítimo deste fermoso pobo, capitalidade da Ulloa.

No acto no que se consumou este feito vergoñento soou unha voz limpa e serea “ Roma non paga a traidores “. Así expresaba o seu sentimento Xosé Luís Fraga, o concelleiro leal, reprochando o que alí se estaba a facer co vello timoneiro que pilotara o barco nas augas revoltas da política desta localidade. Non tardaron en aparecer pescadores furtivos cos seus aguzados anzós  e cebos gorenteiros. Vaia se picaron!

Todo o mundo sabe en Monterroso e a súa contorna que a figura de Gato foi clave para o resultado acadado democraticamente  nas furnas, un feito obxectivo que, en todo caso, deberían ter en conta os protagonistas deste pacto da comenencia e da discordia, máxime tratándose dunha candidatura sustentada nunha agrupación independente que sempre amosa un sesgo máis personalista có dunha forza política clásica, feito que a nova lideresa e os seus compañeiros ignoraron convintemente, optando en clave de fraude electoral, que é o que supón este tipo de manobras. Agora correspóndelles aos veciños e veciñas de Monterroso xulgar estes feitos, reclamando a dignidade e o respecto do seu voto, convertido en almoeda de traficantes da vontade popular.

A este banquete non faltou a señora Candia, muller exitosa e, segundo algúns dos seus, peca de excesiva avidez. Ao seu currículum político non lle fan falla adornos: exalcaldesa  da capitalidade da antiga provincia de Mondoñedo; fugaz presidenta da Deputación provincial de Lugo, cargo ao que accede aproveitándose da crise interna do grupo socialista no Pazo de San Marcos; e agora brinca coma unha heroína a deputada no Pazo do Hórreo. Xa estamos a agardar o seguinte paso! A todos estes logros hai que engadirlle o de comandanta en xefa do PP provincial, o partido da gaivota, ese animal plumífero que xa non se ve voar por enriba dos mares e areais de Galiza, pois o seu píar seica nos lembran aos galegos e galegas os berros e reviravoltas  dos seus na vila de Madrid, que desacougan ás pacíficas e mansas xentes da Nazón de Breogán. De todo isto, din os rumurosos, que aquí no fisterra só voa o dos Peares. A presenza, pois, da devandita lideresa, leda e relucente coma o luceiro da  alba, estaba máis que xustificada, pois era a principal beneficiaria dos froitos daquel parto distócico que traía ao mundo á nova alcaldesa, feito que merecía a súa bendición fervorosa, xa que supoñía o primeiro chanzo na procura da maioría natural, termo cincelado por don Manuel Fraga  e que tan bo resultado lle deu. Se se salva a criatura, axiña imos ver na Ulloa movementos de trashumancia cara aos gorentosos pastos  da dereita.

Para facer este cambalache era, obviamente, necesaria  a caída impúdica de Antonio Gato, xa que con el á fronte, a dereita non conquería o seu obxectivo. Este era o prezo que tiña que pagar, motivo que me suxire escribir esta crónica en honor a este político de longo percorrido a prol da democracia, dos ideais socialistas e da xustiza social. Un saldo positivo que cómpre recoñecerlle a este vello loitador, o  que tampouco se librou da purga do seu propio partido, máis cinguido ao interese do que manda cá traxectoria do calado deste militante sobranceiro.

Coñezo a Antonio Gato dende moi lonxanas calendas, e tamén levo tempo sen falar con el, as únicas novas que teño sobre este persoeiro é a través dos medios de comunicación, mais non me esquezo do tempo andado. Lembro  cando el me convidou a entrar a militar no PSG. Non atendín o seu ofrecemento, pois seguín outros vieiros no eido do nacionalismo e do galeguismo. Mais aquela circunstancia non supuxo eiva algunha para o noso respecto e lealdade mutua.

Gato, ao tempo que imparte docencia, desenrola un papel moi activo da man do PSG na Terra Cha, exercendo unha oposición intelixente e rigurosa ao goberno conservador de Castro de Rei, liderado por Arturo Pereiro, tamén natural da Ulloa, de Palas de Rei, os que por motivos profesionais e despois políticos xuntan os seus destinos naquela corporación. Pereiro viñera para exercer inicialmente  labores no campo da electricidade, con moita maña para os   cables, empalmes e enchufes, oficio que lle ía ser moi útil para o manexo dos complicados fíos da política. A operación máis soada no eido político foi o curtocircuíto que artellou dende AP para chegar á alcaldía no citado concello chairego mediante unha moción de censura que en 1988 fulminou ao goberno de coalición integrado polo CDS, CPG e PSOE, presidido por Francisco Balado, proxenitor do actual rexidor do PP no devandito concello, partido sucedáneo do outrora censurante do pai. Despois daquel sinistro provocado ad hoc, todo foi coser e cantar para o de Palas.  Cousas da política… Gato, como se tén dito, viñera para impartir docencia, axudar a abrirlles as mentes e os ollos ,ás nenas e nenos vilegos e do rural, labor non sempre doada. Miúda tarefa!

Cando Gato accede á corporación de Castro de Rei, catriplicando os resultados do PSG eran os tempos de maior gloria do todo poderoso Francisco Cacharro á fronte do PP na provincia de Lugo, o que dende o Pazo de San Marcos coa súa batuta marcaba o compás e imprimía carácter aos seus, Pereiro foi un fiel discípulo. Por elo, a oposición e fiscalización a aqueles gobernos locais debía facerse con  intelixencia e rigor, lección que o mestre tiña ben aprendida. Para valorar o labor de oposición que fai Gato naquela corporación, resulta ilustrativo o comentario que persoalmente me fai Arturo Pereiro ao respecto, cando o monterrosino abandoa a política local para incorporarse ao Parlamento Galego, dime: … agora quedo aliviado, pois non che é doado gobernar con Gato na oposición. Escoitando aquelas verbas do rexidor de Castro de Rei, que agora lembro, seguramente cavilei para os meus adentros: con esa maneira de gobernar, abofé que non.

Non cabe dúbida  de que Antonio Gato pertence a unha xeneración en perigo de extinción na que hai vida máis aló da política, ou dito doutro xeito, en que a política opera como complemento vocacional da túa relación como cidadán, feito que non sucede en moitos dos nosos dirixentes actuais, que non fixeron outra cousa e que só coñecen e entenden a política para asegurarse o seu medio de vida. Este xeito de entender a política, ademais de empobrecer a capacidade deste tipo de persoas para o exercicio do ministerio da cousa pública, que consiste na representación, administración dos bens e recursos de todos os cidadáns do ámbito da súa competencia, supón, ademais,  unha quebra da calidade do noso sistema de convivencia democrática, xa que conleva a perda dos valores que deben informar toda acción política. Gato Soengas non pertence a esta estirpe, fórmase e exerceu unha profesión como docente, ao tempo que sente o tirón e o compromiso de contribuír a un mundo mellor para este país, no que había que recuperar as liberdades políticas e de pensamento, a modernización e o progreso social, situación concurrente no intre no que este ulloán toma esta nobre decisión. Por elo, cando presenciamos feitos coma os vividos nestes últimos tempos en Monterroso só deben entristecernos, porque máis aló do xogo de intereses partidarios lexítimos, prodúcese un clamoroso devalo doutros valores que deben ser un faro para a convivencia e o progreso da vida local dos pobos.

Non me gustaría rematar este artigo sen antes facer unha breve lembranza da outra vida de Gato, a docente. Este percorrido quero facelo  a través de testemuñas dalgún dos seus exalumnos chairegos. Lembro de xeito especial as miñas longas conversas con un mociño que me caía moi preto, hoxe doutor en historia  e tamén docente. Este mociño falábame apaixoadamente da riqueza etnográfica que aínda acubillaba o noso medio rural, e que se non se poñía interese e remedio ía, inexorablemente, desaparecendo. Tal era a convicción e fondura das súas explicacións, obviamente, tendo en conta a súa curta idade, feito que me sorprende e me leva a preguntarlle quen lles ensinaba estas cousas, contestándome todo fachendoso, o profesor Gato. Este feito que, sen dúbida, transcende do campo da anécdota á parte substantiva do labor deste profesor que soubo introducir nos seus alumnos a parte máis esencial, como é o interese polo saber, conquerido isto, o demais é cuestión de perseverancia.

Por todo o que deixo dito, amólame ver ao vello mestre rodando polo chan, froito das cambadelas dunha moza xove e rexa recén chegada á política. Malos tempos para a democracia!