Nin uns nin outros acaban nunca por extinguirse e non só iso, senón que en pleno século XXI, nun mundo onde comunicarse e interactuar con calquera está á orde do día, sen limitacións culturais nin xeográficas de ningún tipo, seguen a ser actualidade fascistas e racistas a este e ao outro lado do océano. A semente do odio aniña en institucións que xustamente deberan velar porque non se propaguen coma os corpos policias, en denuncias admitidas por xuíces que aínda se cren no Tribunal de Orde Público, e por redes mediáticas que xalean e sinalan ás vítimas elixidas.

Que unha competición tan importante coma é a liga NBA prácticamente a nivel mundial. quedase paralizada en protesta polo ataque racial a Jacob Blake nunha poboación de Wisconsin a mans da Policía, é algo que traspasa as fronteiras dos Estados Unidos para ocupar os noticieiros de boa parte do planeta. Sete disparos polas costas e a bocaxarro a un mozo de vintesete anos, é a nova «fazaña» policial que non por reiterativa deixa de provocar carraxe e impotencia. As protestas xa se cobraron dous mortos, mentres a vítima debátase entre a vida e a morte, paralizado como consecuencia dos disparos de cintura para abaixo. Os xogadores do baloncesto máis espectacular do mundo, quixeron facer algo máis que levar unha camisola cun lema antirracista, esta vez amosaron que, se eles se prantan, Norteamérica non pode exportar a imaxe de potencia deportiva da que tanto lles gusta presumir. Eles tamén son negros, as súas vidas importan, pero tamén importan as dos outros negros que ninguén ten en conta: as dos que son pobres.
En España, berce de culturas da que todos bebemos co legado deixado por cada unha delas, unha deputada de VOX, Rocío de Meer, vén de alporizarse contra os «estercoleiros multiculturais» dos barrios pobres da capital española. Que non hai dereito a ter que atopar xente que non sexa loira e de pureza virxinal, e xa non digamos que non fale a língua imperial do castelán, único idioma non bárbaro de todos cantos cohabitan na Península Ibérica. Son afirmacións dunha deputada que ocupa escano no Congreso dos Deputados, a casa que garante o benestar, a liberdade e a igualdade entre todos os habitantes españois. Sería cómico se non fose tan grave. Por outra banda, un xuíz cita a declarar ao presidente do Grupo Mediaset e algúns dos seus xornalistas colaboradores por presuntas «inxurias a Franco», a petición da familia do ditador. Custa imaxinar algo parecido en, por exemplo, Alemania, onde probablemente en ningún sector que se considere democrático darían ás a demandas fascistas por parte de fascistas. Pero isto é España, onde nesas materias ós únicos que nos parecemos é, xustamente, ao país de Trump. Alemania queda, contra o que poida parecer, a moito máis alá dun océano de distancia.