«Fumar es un placer, genial, sensual

Fumando espero a la que tanto quiero

Tras los cristales de alegres ventanales

Y mientras fumo mi vida no consumo

Porque flotando el humo me suelo adormecer…»

Nada impide que o tango de Carlos Gardel poida seguir xuntando namorados, pero de flotar en algo, será entre vapores etílicos -vixentes de momento- porque o fume xa é coma outra droga calquera e hai que consumilo ás agochadas, fóra de aviesas miradas e posibles denuncias, impenitentes fumadores convertidos en inimigos públicos e en vítimas da aparición estelar de Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e de quen nada sabiamos dende a súa triunfal vitoria nas recentes eleccións autonómicas.

O aumento de casos positivos por Covid_19 non tanto en Galicia senón na área sanitaria da Coruña, urxía a tomar algunha medida máis que as da semana pasada recurtando o horario do ocio nocturno e as visitas ás residencias de maiores, que pagan a desfeita do noso descontrol, sendo privados dos reencontros familiares, e o mesmo para os centros de día, tan escasos e tan necesarios, agora paralizados. Os que menos teñen e os que máis pagan a nivel persoal, nesta crise onde foron os primeiros damnificados e os primeiros esquecidos, e agora non ía ser menos. Con todo, o fluxo de contaxios non diminúe e Feijóo, nun golpe de man digno de auténtico estratega, mantén todas esas medidas xa anunciadas fai sete días, pero inclúe a prohibición do fume de tabaco flotando polas rúas, en terrazas ou calquera outro lugar onde non se poida garantir unha distancia mínima de dous metros. Fumar dicía Gardel que era un pracer, pero menos estando sós. Cando presta é despois desa comida ou cea con familia ou amigos, e xa non digamos polas noites, entre copa e copa, un xeito máis de socialización que xa se víu relegado cando a prohibición inicial de fumar abarcou os espazos pechados. Alerta Feijóo de que a medida vén avalada polos expertos cos que se asesora, aínda que un bo número de virólogos fixeron declaracións públicas ao respecto, dicindo que o fume non transmite o virus e que, en todo caso, a expiración é máis forte, vindo de aí o posible risco se o houbese. Fumadores en pé de guerra aparte, en España debátense sobre si Feijóo é un político adiantado e valente, ou non sabe que demo facer para parar a escalada ascendente de contaxios na nosa Comunidade e tira pola vía do medio. Mentres se polemiza con tabaco sí ou non, non andamos a preguntarnos outras cousas, coma onde estivo todo este tempo en que a provincia coruñesa desbordaba casos positivos e el non aparecía a diario na cadea pública para dar consellos e remedios coma facía en tempos de goberno central único. Feijóo sabe dosificarse, sobre todo se xa gañou as elección para catro novos anos, nos que lle sobrará tempo para tomar as rendas do país, as présas non son boas nin en tempos tan duros coma os que estamos a vivir. Que non se diga que todo é fume.