Se nunca fostedes interpelados dese xeito, non estivestedes en Fisterra, esa vila que é moito máis que fútbol e peregrinos, aínda que os xornais non parezan decatarse. Eló serve para todo: para saudarse, preguntar como vai todo, facer unha aseveración. O cúlmen das expresións populares. Por iso, que fose escollida para a cabeceira dunha revista cultural encaixa perfectamente, e convértese no preludio perfecto de todo o que agocha dentro das súas páxinas. Ideada fai uns anos por tres amigos, ao calór duns cafés sentados na volta dunha mesa de cociña, tivo a súa particular época escura cando deixou de emitirse durante un tempo, pero retomada novamente no Nadal do 2018, nese tempo onde os bos propósitos son o motor do cambio de ano.

Bimestral e en branco e negro, en papel, ese elemento case desaparecido e substituído polas versións dixitais. Rescatado no Eló para enchelo de firmas atemporais, tamén efímeras ás veces, e doutras que son constantes e repiten sempre, coma quen é incapaz de resistirse a un exquisito manxar. Nada para furar nese oco que deixa a prensa convencional nos bares, entre regueiros de soflamas políticas e goles con denominación de orixe propia e allea, que desfán os minutos coma o azucre no café matutino.. No medio, un mar de letras. Un aperitivo con sabor a Cultura que degusta todo tipo de paladar, devorado non só no berce onde medrou, tamén extramuros de Fisterra, noutros bares da bisbarra e alén as fronteiras e os océanos, para alumear en destinos coma Dinamarca ou Arxentina.
Embarcado como antaño os nosos poetas e escritores cara outro mundo, aínda que agora só para o desfrute, non para fuxir do tenebroso pasado. De boca en boca e de man en man, sen máis intermediario que a barra baleira e as páxinas tentadoras enriba dela, seductoras ata o punto de que hai quen non conforma só con ler…tamén quere ser posuídor, mergullarse nos seus contidos a pracer, convertindo cada exemplar en codiciado obxecto de desexo. Allea a inventos e vanidades, o «Exemplar de Letras e Opinións», repousa sobre o mármore ou a madeira, desposta para todos aqueles que, coma Aureliano Buendía en «Cen anos de soidade», canso de loitar sen sentido, queira firmar a paz e buscar acougo nun retiro onde repetir o mesmo tantas veces coma sexa preciso. Por puro pracer. Eló non?
Fotos: A Gavilla (Corcubión)