Que non se diga que os galegos e galegas somos xenófobos, separatistas, insolidarios e ata nacionalistas excluíntes. Son os epítetos que a prensa estatal e algúns líderes políticos españois veñen de adicarlle ao noso presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por propoñer unha limitación de mobilidade a territorios coma Madrid ou Barcelona, cidades cun amplo número de contaxios e que, en breve, os seus habitantes terán licenza para expandirse polo resto do reino, cando a partires do vinteún de xuño quede sen efecto o Estado de Alarma decretado no seu día polo goberno español. Iso implicará que, coma todos os anos, o que poida sairá de vacacións e, tamén coma sempre, Galicia será un dos seus destinos favoritos.

Estamos máis que afeitos a recibilos e convivir con eles, xa nos son tremendamente familiares e coñecemos os seus hábitos e costumes, tales como aparcar nas rampas dos peiraos con marea baixa, reservar mesa para unha determinada hora e presentarse dúas máis tarde ou, mesmamente, pedirnos amablemente que falemos nun idioma de cristiáns, porque levar vinte anos veraneando en Galicia non implica que teñan que saber que é iso de «Bos días, quere algo». Que Galicia tamén é España pese ao roxo de Feijóo. A lista de ofendidos pola traizón do presidente, revólvese nas súas poltronas madrileñas abominando da falta de sumisión á capital, e desata un medo atroz a que calquera día se poña a soñar coa independencia galega. Ata a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, amosou a súa intranquilidade e desgusto pola «madrileñofobia» do seu compañeiro de partido, e dixo estar «doída».
Que decepción do que está chamado a ser a gran esperanza do PP se Pablo Casado perde as súas sextas eleccións. Pero Feijoo non podía ficar calado ante tanta acusación e, por suposto, convidou a Madrid enteiro a que veña, a que nos visite sen cortapisa ningunha. Precisamos do turismo, di Feijóo, e sobre todo precisamos dos madrileños, que para algo teñen casa aquí, mercada a prezo de saldo en construcións desas que adornan os arredores das praias, e que o resto do ano parecen nichos dalgún cemiterio. Feijóo acusa de intoxicadores aos que o critican e dubidan da súa españolidade e apego a Madrid. E ten razón, fai falla non coñecelo. Pero todo voltará ao rego a partires de xullo, co inicio da tempada estival, e nada sorprendería que Alberto Núñez Feijóo, no seu celo por demostrar o encantada que está Galicia da chegada de madrileños, non os reciba nos balcóns do Pazo de Raxoi emulando ao mesmísimo «Benvido, Mr. Marshall» de Berlanga. Vimbios non lle faltan.