Abogado

O sábado 6 de xuño de 2020, cando se cumpre o 76º aniversario do Desembarco de Normandía, varias decenas de traballadores do aluminio “tomaron” de xeito simbólico a Praza de María Pita para reivindicar a permanencia da actividade industrial da factoría da Coruña e o mantemento dos postos de traballo.

Antes a fábrica de aluminio chamábase INESPAL, logo pasou a denominarse ALCOA. Agora a empresa, baixo o paraugas nominativo de ALU IBÉRICA, é un peloteo opaco entre o fondo PARTER e o GRUPO RISCO. Sexa cal for o nome societario, desde fai un bo número de anos a outrora frorecente e puxante fábrica coruñesa de aluminio arrastra problema tras problema e incerteza tras incerteza. Unha inseguridade e unha inestabilidade en estreita relación co prezo da enerxía eléctrica, fundamental nunha industria electro-intensiva como é a vinculada á fabricación de aluminio.

Concentración

Sen un marco enerxético estable, nun mundo globalizado e deslocalizador como o que vivimos, o futuro das fábricas da Coruña, San Cibrao e Avilés pende de finos fíos (mália as millonarias subvencións recibidas ata a data polas empresas) e pon en xaque a economía de moitas familias e o desenvolvemento de comarcas enteiras. Galicia non pode permitirse o luxo de perder máis industrias.Conforme se destaca na prensa e resaltan as respectivas plantillas e os correspondentes Comités de Empresa, o futuro da produción de aluminio en España xógase nestes momentos nas factorías de San Cibrao e nas plantas da Coruña e Avilés, cuxa xestión actual debe garantir o seu adecuado porvir, neste estratéxico sector.O presidente do Comité de Empresa da factoría coruñesa, Juan Carlos López Corbacho, reclamou, en nome dos seus compañeiros, que se clarifique o que está pasando e se interveña a empresa.

Concello da Coruña, año 2018

Despois dun encerro dunha representación dos traballadores esta pasada semana no Concello da Coruña, co pleno apoio do Executivo local, o Goberno estatal anunciou a convocatoria da mesa de seguimento do proceso de venda das antigas plantas de ALCOA, a fin de analizar a presente situación e os texemanexes contractuais e empresariais habidos.

Apoyo político, sindical y ciudadano

O persoal das factorías, que conta co pleno apoio político, sindical e cidadán, confía en que haxa unidade de acción e reclama o compromiso da Xunta de Galicia, pois é á Xunta á que lle corresponde de modo singular a responsabilidade de manter a industria na nosa comunidade. A Xunta, con competencias na materia, non pode permanecer desaparecida deste conflito. A desidia é dexación de funcións.