A Coruña sempre é vítima de chanzas sobre o seu castelanismo, do pouco apego e máis ben desprezo dos seus habitantes pola língua de Castelao, entre outros ilustres do noso país. Probablemente sexa esaxerado, pero que o grupo municipal do PP nese Concello veña de enmendar o regulamento das escolas infantís porque «impone el gallego» é algo que nos resulta tan coñecido coma prostituído. Tal regulamento, aprobado pola Xunta de Goberno local, pretendía a gratuidade dende o vindeiro curso e a língua galega coma vehicular na educación dos cativos de entre 0-3 anos. Adoutrinamento en toda regra, e faltóulle tempo aos señores concelleiros populares para botar as mans á cabeza e a enmenda no pleno, a celebrar este xoves.

Nun Ensino onde a língua propia é pura anécdota, con centros escolares onde non se emprega nunca, e con nenos e nenas que non a escoitan no seu entorno habitual, coñecer e falar galego xa é algo tan exótico que só a fala quen a elixe, non coma algo natural dende o berce coma foi en xeracións anteriores. Porque os netos daqueles avós cos que todos nos criamos agora aos seus descendentes agóchanlle a posibilidade de falar coma eles. Non vaia ser que lles faga lembrar vagamente que veñen da aldea. Que escarnio e deshonra. O famoso decreto do Plurilinguísmo de 2014, fito de Alberto Núñez Feijoo na súa cruzada para combater o galego, é o argumento dos señores concelleiros coruñeses para que as garderías non se convirtan en potenciais niños de nacionalistas ou, peor aínda, guerrilleiros de Resistencia Galega. Que se empeza dicindo «bos días» e acábase plantando pementos nunha leira no medio do monte ata que te vai deter a Garda Civil por terrorismo.
Na Coruña iso de «língua nai» non casa coa galega, e o grupo municipal do PP busca que así sega a ser. Porque galego para que, se non serve para nada en Madrid nin fóra de España, non coma o castelán que se fala dende Mongolia a Suráfrica, e por suposto en toda Europa, coma nos demostraba Mariano Rajoy naquelas cumbres da Unión Europea onde era o único con tradutor. Unha cidadanía que despreza un dos alicerces máis básicos da súa cultura coma é a língua, nunca poderá presumir de progreso nin de orgullo de seu. Claro que poñéndose na pel -brevísimamente, por favor- dos señores e señoras concelleiras do PP da Coruña…o máis posible é que xustamente iso sexa o que queiran evitar: galegos orgullosos de selo, que falan tan «bárbaro» coma os seus devanceiros, os morreron na emigración falando coma se seguisen vivindo en Chantada ou Fisterra. Sen complexos.