@xabiergzalez

Dixo alguén que non se cambia o mundo só con miralo e ter unha opinión sobre o que acontece; que o mundo -e até creo que tamén o demo e a “carne”-  cámbiase e mellora pola forma que cada un de nós temos de vivir nel. 

Recoñezo sen rubor que pregunteime, centos de veces, se a miña achégase ou se afasta da perfección do imperfecto. Nunca me satisfixo a resposta, sempre hai algo máis que dar do que se deu, algo máis que achegar, algo máis que facer ou que conquerir, aínda que sexa unha mísera farangulla ou un mínimo gran de area.

Ás veces penso que nacín para frade. Sí, un deses do “Marcelino pan e viño” que Ladislao Vajda pintou cinematograficamente no 1954; quizais “Frei Papilla”, ou “Frei Talán”, ou “Frei Malo” ou, por que non?, “Frei Porta”. E aínda sen saír dese  fondo cavilar, doume conta de que hai moito de Marcelino en min, moito de nenez arrolando xa máis dos sesenta, moito de ousadía rebelde e simpática ao mesmo tempo, coas súas luces e sombras xunto ás penumbras nas que aniñan moitas escaleiras prohibidas pero tan  accesibles como as que che sorrín mentres ven como che despeñas.

Marcelino, a cruz e o “Fixo” de elástica madeira; o pan sen máis nada que auga -e nalgún caso viño- para acompañalo e esa “morte non é o final” que camiñaba sempre entre as liñas que escribían as pombas mensaxeiras do réxime.

Vén a conto o anterior porque é o exemplo duns tempos nos que os milagres paliaban a escaseza e o mal goberno. Así as pandemias da época tratábanse cos Pais Redentoristas dando discursos relixiosos polos pobos, con noticias no “Ya” e as comparecencias no NO-DO ou no “Parte” para explicar con vehementes discursos -algunhas veces tamén con duras sentenzas- que a nosa realidade non era máis, nin menos, que unha forma negativa e pouco “fervorosa” de ver o que estaba a acontecer.

Naqueles anos, a Marcelino e ás pandemias da época víaas con ollos de neno; agora, que uso lentes e teño o subconsciente cheo de leccións aprendidas, creo que as vexo tal cal son aínda que sigo entendendo pouco ou nada do que se “comunica” tanto desde a dereita como desde a “inversa”.

En realidade á información pásalle como á galiña e o ovo. Nunca sei se realmente a primeira necesidade do ser inhumano gobernante foi outra que a de desinformar convenientemente aos  subditos a través, por suposto!, dunha información precisa e conveniente.

É Informar o obxectivo de desinformar? Por suposto!. Non hai ningunha información que non persiga o fin de educar acomodando a realidade á cor das lentes que gobernos e oposición teñen postas, por comenencia. Tanto é así que vivindo na actualidade non podo impedir que a miña mente voe cara a tempos medievais nos que, sen importar que fose ou non certo, gañaban as batallas quen eran capaces de informar a máis xente de que foran gloriosos vencedores en xusta lide que os inimigos perderon.

Diso trátase co COVID-19? así foi – a crise do ladrillo e rescate da banca, por citar as últimas- e así seguirá sendo cada vez que a sociedade demande auxilio dun sistema artrósico e tan sometido á globalización que só pode facer o que lle deixen.

E á maioría da sociedade traeralla ao pairo que algún día os que gobernan infórmennos documentadamente do seu “Éxito”; mentres, en parte porque nin saben nin están preparados para facer outra cousa, a oposición empéñese en glorificar o “Fracaso” dos outros como fórmula de subir de dúas en dúas as escaleiras que lle leven ao goberno.

Mentres as acusacións cruzadas serán o circo noso de cada día; na pel do conxunto da sociedade civil, dos autónomos ou das PEMES, alguén tatuará a palabra “Exitus” para convencernos de que por fín logrouse a ansiada “Saída”

O único problema é que “Exitus” emprégase na meiciña como simplificación da expresión “exitus letalis”, cuxo significado literal, como deseguro ben sabedes, é  «saída mortal» ou «proceso cara á morte».

Quixese equivocarme, pero creo que sexa entón cando realmente deámonos conta de que o maldito COVID-17 non pasa de ser unha gripe que nos conduciu a unha situación moito máis letal  e imposible de paliar quedándonos na casa.

Seguro que o día despois “Globalizarán-nos” con precisión cirúrxica e máis que nunca; sixilosamente, Marcelino “miseria, pan e viño”  instalarase nos nosos fogares como un hóspede máis do próximo “confinamento” e os que máis teñen terán aínda máis á conta de que nós teñamos aínda menos.

E que facemos?.

O sabio posiblemente sexa aproveitar o confinamento para algo máis que para lamentarse ou aburrirse; velo como unha oportunidade de prepararnos e organizarnos para que, cando nos deixen saír, pisemos a rúa coa convicción de que negociar está ben pero que quizais sexa o momento de ir un pouquiño máis aló e coller, sexan dereitos ou deberes, o que se nos leva anos quitando pero que nunca deixou de ser noso.

Dixo alguén que non se cambia o mundo só con miralo e ter unha opinión sobre o que acontece; que o mundo -e até creo que tamén o demo e a “carne”-  cámbiase e mellora pola forma que cada un de nós temos de vivir nel.

Pois eso!

© Xabier González, 2020

opinion@xabier.gal