Nesta imposta e apocalíptica corentena, non son poucos os consellos que nos chegan de todas partes para levar o confinamento do mellor xeito posible. Os máis convencionais son as recomendacións de cine, lectura ou as mil variadas ofertas culturais que podemos atopar a través de plataformas dixitais, encamiñadas a que non botemos de menos a vida normal e cotidiá que levabamos ata fai uns días. Unha das últimas cousas en seren suspendidas foron os actos litúrxicos, e agora que as igrexas crían pó en ausencia de fieis, non por iso os bos cristiáns teñen que prescindir da práctica da súa fe. Para iso mesmo, a grande obra do Opus Dei fixo un pequeno catálogo de recomendacións, para que ningunha ouvella se perda fóra do redil nin, por suposto, perda os bos costumes. Que Deus está en todas partes e todo o ve.

Obrigados polas circunstancias, o púlpito neste trance foi mudado pola canle Youtube, dende onde retransmiten tres misas diarias, ademais do Ánxelus e o Rosario. Pero conscientes do esforzo que supón manter hábitos neste atípico trance, dan unha serie de pautas para que ninguén se disperse e, ao mesmo tempo, se lles dea a solemnidade que requiren tales eventos. Destaca especialmente o da vestimenta, incidindo en que se prescinda do pixama ou do chándal, nada apropiados para elevar plegarias e rogos se a finalidade é ser tomados en serio. Tamén, substituír a foto da comunión do neto ou neta por unha cruz e unha veliña con incienso preto do televisor ou do ordenador. O seguimento do acto litúrxico debe ser idéntico ao da parroquia, erguerse cando corresponda, axeonllarse na eucaristía e dar a paz a quen corresponda, porque ver a misa en compaña é outra das recomendacións dadas, sabedores quizais de que xa na igrexa custa mantelos espertos, na casa dan por feito que poden distraerse con facilidade. Mellor xuntos, en horario que vaia ben a todos para que o esforzo faga máis levadeira a concentración. Que mellor momento para facer vida familiar despois de vintecatro horas diarias en familia.
Por se acaso non se expían debidamente todos os pecados no que dure a misa, aconsellan quedar uns minutos máis en fervorosa devoción, pedindo polo Papa en primeiro lugar, despois polos bispos, parroquia e, xa despois, polos enfermos, sanitarios e por Pedro Sánchez e o seu goberno. Hai que agradecerlles a magnanimidade á hora de non querer condenar a socialistas e comunistas ao lume eterno. Todo un detalle e sabe Deus -nunca mellor dito- o que lles custaría dar ese paso. Intúese tamén que moito do que poida facer Sánchez no seu goberno terreal, non se fían, e por iso o encomendan ao designio divino. Polo menos vai sempre ben vestido, asi que o resto de pecados ben se lle poden perdoar.