O noso Himno fala de homenes bos e xenerosos. A estas alturas non fai falta presentar a un deses homes bos e xenerosos da politica galega, que combateu co seu afiado verbo en batallas dialécticas contra primeiros espadas no Parlamento Gallego (1981-1997). Foi portavoz na Deputación de Lugo e alcalde de Monterroso (1999 a 2015).  Despois de catro anos de «desterro» forzoso, os veciños  elixírono Alcalde outra vez.

Antonio Gato, é un político dos “de antes”, forxado nas mellores fraguas da política local, provincial e galega. Nunca quixo ser estatua, traballou “a pé de obra” labrando surcos na terra para que dese froitos de esperanzas e convertilas en realidades. Como bo alcalde soubo xestionar o benestar dos seus conveciños, construíu un complexo deportivo que languidece desde o 2015. A ambición dun calvo apartouno de maneira torticera das listas electorais no 2015, non permitiu que finalizase os cambios que estaban a producirse no Municipio. Que razón tiña Cabanillas!!!!!! “Validos de treidores”.

Socialista de corazón e convicción desde o ano 1973, moitos dos socialistas que o traizoaron políticamente, aqueles que buscaban unha cadeira  para facer da política un choio e levar a soldada a fin de mes, aínda non naceran. Gato volveu en 2019 vencedor como o fixeron aqueles aguerridos guerreiros que se sometían ao Xuízo de Deus, nas Xustas Medievais e gañaban a contenda.

As urnas son xuices insobornables da vontade popular. Antonio Gato deixou un legado que o sucesor tamén socialista, non foi capaz de poñer en funcionamento, trátase de unha instalación deportiva modélica, que debería ser para uso e goce dos veciños, aducindo que era moi custoso o mantemento. Xestionar un Concello non é só cobrar, é buscar recursos debaixo das pedras para que, un municipio camiñe con paso firme e progrese adecuadamente.

O Alcalde de Monterroso hoxe cumpre setenta e cinco anos, aínda quedan as sete vidas para seguir loitando. Está cheo de vitalidade e con ansias de traballar e traballar para dinamizar o Concello. Aposta polo comercio local. Dar a coñecer as excelencias do Municipio, que son moitas. A súa máxima prioridade neste momento é conseguir que Monterroso sexa unha dos roteiros do Camiño de Santiago, que non só pase rozándoo, senón que baixe maxestoso como un río caudaloso polo centro do Municipio, de conseguilo ,sería un agasallo para toda a veciñanza. Non quero imaxinar como debe ser o seu arquivo de historias sen narrar.

E outra vez, o verso de Cabanillas faise patente, flúe ao cerebelo aquel conto que me lía a miña nai para durmirme, “Os tres cerditos”.

Tres concelleiros que formaron parte da candidatura independente de Monterroso, unha vez elexido Antonio Gato alcalde, as presas por botalo da alcaldía son bochornosas. En un exercicio de trilerismo político, os elixidos concelleir@s, aínda non transcorrido un mes da toma de posesión, aducindo idade, tentaron e tentan por todos os medios posibles, xubilalo como Alcalde. Cando compartían ilusións e prometían cambios aos cidadans na campaña electoral, para os tres díscolos, Antonio Gato era xuvenil.

Tardaron o que tarda un suspiro en reunirse cunha reputada socialista en Antas de Ulla, ofrecendo a cabeza de Antonio Gato, como ofreceu Herodías a de Juan Bautista a Herodes Antipas, en bandexa de prata. 

 A día de hoxe continúan na súa perigosa peregrinaxe de acoso e derriba a un home ao que lle ofreceron lealdade absoluta en campaña electoral, e unha vez elixido alcalde, convertérono en “un señor maior” que hoxe cumpre setenta e cinco anos. Os tres conceller@s son como canteiras sen balsas de recollida de augas, que verte os residuos sen control e contamina o río.

A miña intención xornalística hoxe non é entrar nas entrañas deste singular acontecemento de traizóns e esoterismo político, simplemente lembrar que a lealdade non se blasona nas tascas, que cumprir anos nos fan máis sabios, e que a dignidade non a venden no Corte Inglés, consolídase co paso dos anos.

Só quería felicitar a Antonio Gato Soengas e como di a canción….. e que cumpras moitos máis….. e eu que o vexa.