Por Xosé Edrosa Leal

 Estes días algúns lucenses andan fachendosos e de farra: unha toga máis ao percheiro, mentres este cronista e cecais moitos outros, tristes e amolados polo facer da xustiza. Nunha destas mañanciñas frías e neboentas, a caluga baixa e pensativo como fuxíndo do mundo, achégome ao Parque de Rosalía, un lugar de acollemento e de lecer; unhas nenas cheas de ledicia xogaban ao meu carón, a miña ollada perdida no ‘Garañon’ . Cavilei: a señoría destogada algo tería que ver co fatal destino deste monumento á vergoña; neglixencia urbanística que vai ter un altísimo custo para as arcas públicas e que coma  sempre imos pagar todos os cidadáns cos nosos impostos. O meu pensamento non acouga e diríxese con  pesadume aos que por mor da súa pericia quedaron sen traballo, profesionais salientables que lles arruinou a vida: proxenetas (aos que aquí na miña aldea, que non somos tan finos, lles chamamos doutro xeito: explotadores sexuais de mulleres).  Se non fora por esta xuíza teimuda seguirían en plena produción chiringuitos coma ‘O Carioca’, ‘ Pokemon ‘ e un longo etc.,   champións  florecentes da nosa economía máis produtiva, a que dalgún xeito colocou no mapa a esta cidade do Sacramento, coma un dos lugares máis desenvolvidos neste xeito de facer país.

Señora Pilar de Lara,  colleu vostede o camiño equivocado e meteuse nun ‘ trollo’ con moita lama que a deixou noqueada, pois esqueceuse que este mundo é para os pillos e habilidosos que se achegan ao poder do xeito  máis conviente para o seu proveito, custe o que custe. Vostede foi unha inadaptada que non entendeu a idiosincrasia desta xente e así  o está a pagar, porque así funcionan as cousas neste país, pois aquel  vello aforismo que nos ensinaron polo que ‘ Datae leges, ne fortior omnia posset ‘, o que vén a dicir que as leis fixéronse para que o poderoso non o poda todo. Nada máis lonxe da realidade  e á proba me remito.

Coa venia da súa Señoría, voume outorgar a licenza de dicirlle o que eu penso nos meus adentros: malia á súa preparación e saberes xurídicos, que son moitos, mais, do que é a vida, non se corresponde con eses atributos, pois vostede xa tiña un precedente do que puido tomar nota, o  daquela compañeira súa que deixou pegadas imborrables nesta cidade das murallas, con nome de pila  Estela e que tamén esnaquizou contra o muro dos poderosos. Aquela xuíza, coma vostede, era especialista en amolar a empresarios estrela, lémbrome dun ao que moitos lucenses lle facían a xenuflexiíón cando pasaban ao seu carón. Sí, aquel empresario que o seu éxito mais coñecido e recoñecido era o do monopolio sistémico da coima pública, convertido nunha especie de patricio romano, con mecenados suntuosos a institucións deportivas  e doutros ámbitos que lle daban recoñecemento e estabilidade ao seu ‘statu quo’, ademais de alimentar o seu ego, xogo impúdico no que entrou tanto a dereita como a esquerda no poder, ata que chegou aquela xuíza e lle puxo couto a aquela orxía, derrubando aquel castelo de naipes.

Tamén perseguiu a empresarios que coma  Moisés conducían un éxodo de cidadáns marroquís que se xogaban a vida cruzando o Mediterráneo en caiucos na procura da terra prometida, logo unha vez aquí  eran ateigados en vivendas insalubres e explotados laboralmente traballando de sol a sol en granxas de pitos, de aí que fora bautizada como operación  ‘Pollo’. Iso sí, amañábanlles os papeis, previo pago de cantidades desorbitadas, e cando non dispoñían de cartos, establecíase  unha modalidade de empréstito, garantido pola súor do seu traballo e da liberdade. E por se non fora pouco, o exceso de celo daquela xuíza, a través do ‘Pollo’ e das escoitas establecidas pola súa curiosidade, fai ‘carambola’ e descubre outro  caso que tamén daría moito que falar, o ‘Rei’. Neste caso, os seus operadores eran políticos locais de segundo nivel e pequenos empresarios, o presunto amaño de contratos era a principal causa que se lles imputaba aos xusticiables, proceder, por outra banda, pouco orixinal, xa que formaba parte do dereito consuetudinario, ou sexa, do uso e costume,  que se viña facendo dende tempos inmemoriais. O caso foi que aquelas escoitas nas que se falou o que se falou entre o ‘Pollo’ e o ‘Rei’ eran ilegais, ademais de que a señora xuíza arramplou para o seu xulgado o caso ‘Rei’, pois polas súas indiscretas escoitas entendía que existía conectividade entre ambos casos, feito que a Audiencia Provincial de Lugo e o Tribunal Supremo que o ratificou, entenderon o contrario, considerando que se conculcara o dereito a un Xuíz ordinario predeterminado pola lei,  e así, os do caso ‘Rei’, libraron da xustiza, quedando sen contrastar a presunción de inocencia dos inculpados; unha prerrogativa legal que non debería permitirse ningún cargo electo, en honor á transparencia que debe presidir a súa función representativa, ademais de despexar calquera  sombra de dúbida nas funcións derivadas do seu cargo, feito que queda en entredito cando un asunto pecha deste xeito . No tocante ao ‘Pollo’, o caso que leva máis dunha década na fase de instrucción, aínda está ‘sub iúdice’ , agardando que se faga xustiza.

A partir daquelas escoitas consideradas ilegais e as consecuencias derivadas das mesmas, falar cos alcaldes por teléfono era misión imposible, pois entráralles un canguelo no corpo, converténdose o teléfono nunha especie de trebello maldito, feito que recoñecían os propios alcaldes, laiándose, cecais sen falta de razón, que as conversas telefónicas cos seus parroquianos eran prevaricadoras e de cofeito explícito, chegándoche a dicir polo aparello ‘ ti amáñame o asunto, que eu xa che arranxarei  o dos votos cando sexan as eleccións’. Sobre esta dialéctica consolidada non foron alleos os propios alcaldes, pois eles mesmos contribuíron a confundir os dereitos da cidadanía cos favores administrados segundo ao seu interese conveña. E se un xuíz escoita este tipo de cousas, normal que as considere delitos. E se a súa señoría non é do país, e non está adaptada aos nosos usos e costumes, tríncate directamente na cadea, tal como se tén feito nun dos casos citados. O problema de fondo é, pois, de adaptación do xuíz ao medio, e así funcionan as cousas sempre… Doutro xeito, non. E se non é así, como non lles imos ter carraxe a vostedes, señorías. Somos humanos!

Nembargante, o que máis me chama a atención de toda esta historia, é o papel que está a xogar o Consello do Poder Xudicial, órgano de goberno dos xuíces, con estrutura rexa e vocación case vitalicia. Por iso, gustaríame saber se esta institución un tanto panteísta tén feito os seus deberes, e se ese mesmo celo que emprega agora para apretarlle as caravillas a esta Xuíza,foi o mesmo que cando a carga de traballo se amoreaba no seu xulgado por mor das macrocausas, non inventadas e moito menos desexadas, senón reais, claras e ostensibles, asumidas polo mesmo, poñéndolle os medios, en tempo e forma, adecuados e proporcionados ás necesidades concurrentes, para poder desenvolver con normalidade e eficacia a súa función instrutora. Esta é, sen dúbida,  a preocupación real da maioría dos operadores da xustiza, que como servizo público que é, fundamental para o funcionamento do noso Estado de Dereito , debería sela tamén da cidadanía en xeral como destinataria.

As accións que estamos a presenciar, pois, con esta Xuíza de Instrucción, só reflicten a vulnerabilidade e febleza dun sistema xudicial que só beneficia a aqueles que queren eludir a  xustiza, neste caso cun altísimo perxuízo ao interese xeral  de toda a veciñanza de Lugo.