Non acreditamos nestes últimos meses as galegas e galegos, na transformación do noso presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sempre comedido e incapaz de empregar xerga macarril ou, moito menos, de amezar cos tribunais a un goberno de Mariano Rajoy que tampouco se caracterizou por mirar cara Galicia, agás nos veraneos en Sanxenxo que daquela sí, mandaría o preceptivo SMS a Feijoo para que non pensase que se esquecía del como da Comunidade.

O impago do IVE por parte do goberno central, ten a noso presidente en pé de guerra. Combativo coma nunca o viramos. «Jeta» «morro» «qué cara», expresións impropias dun representante de tan algo nivel saen da boca de Feijoo mentres tenta imitar -quen o diría!- ao goberno catalán que, acostumado a reinvidicar o correspondente e vilipendiados cando o facían tamén con Aznar e Rajoy, agora alinéanse con eles sen maior trauma. Que a representante do BNG, Olaia Rodil, o inste a actuar máis falar e falar menos, sérvelle ao presidente para retrucar que vaia apoio deron os nacionalistas ao PSOE español, que xa ás primeiras de cambio queren poñelos en apretos. Hai que desculpar a Alberto Núñez Feijoo, que no canto de apoiar el sempre entende «servir», e polo tanto nunca erguer a voz, ser sumiso e deixar que fagan aínda que o seu país saia perdendo. Curioso que se refira aos nacionalistas dicindo que se «venderon por nada», precisamente el, que aos cinco minutos de Néstor Rego estampar a súa sinatura no acordo de goberno estatal, xa lle estaba reclamando o arranxo da AP-9 e a peaxe abusiva que leva tolerando unha chea de anos co goberno de Rajoy. Agora, para o noso aprendiz de Trump, o primeiro Galicia.
As idas e vidas co paritorio de Verín xa encheron páxinas e desvelos de afectadas, e non lle quedou outra que rectificar e reabrilo, pero agora volve a película «Todo é culpa do bipartito», para escusar a falta de pediatras nese mesmo hospital do Concello ourensán. Pasaron dez anos dende ese goberno, nos que Feijoo leva reinando a pracer, pero tres anos e pico de lexislatura son os culpables de todos os males que afectan á Sanidade galega. Esa mesma que conta con plataformas de protesta polo seu desmantelamento e precariedade, e un enfurecido Feijoo acusa a antigos dirixentes do susodito bipartito de estar detrás delas, espoleando a protesta. Porque protestarlle ao presidente da Xunta debería ser cousa do Tribunal Supremo e obrar igual que cos protestóns cataláns. Que se non deixan facer o que quere, para que serve ser presidente?