Que Sanxenxo é o reino do turismo madrileño, xa o sabiamos, pero onte ademais amencemos coa posible nova de que o máis real dos persoeiros españois se instale a carón das nosas Rías, nada menos que o emérito Juan Carlos I que, segundo cita a autora do artigo que da conta desa posibilidade, morre de gañas de poñer terra de por medio con Madrid, onde se sinte triste despois de tres décadas exercendo de maxestade, mentras agora vive relegado a un despacho sen calefacción e a aturar a presenza da emérita raíña, con quen -asegura a xornalista- non anda a partir peras, precisamente.

Parece ser que en Sanxenxo conta con bos amigos, xenerosos até o punto de que fan o sacrificio de soportar os elevados gastos que supoñen amizades de tan algo rango, pero tan sufridos que o fan sen unha soa queixa. Non merece menos o huésped, vén a dicir o artigo. As Rías Baixas son diáfanas e abertas, nada que ver co entorno «siniestro e hostil» que rodea ao ancián rei na capital española, onde xa non soporta estar nin un minuto máis. Obrigado a abdicar no seu día por la proliferación das redes sociais onde xa nada se pode agochar, e que deron boa conta das súas viaxes a África, para cazar elefantes moi ben acompañado por alguén con quen non compartía Libro de Familia, precisamente. Deslices que, co tempo, foise sabendo non eran tales, senón historias de recíprocos intereses e intensas paixóns. Vividas a todo luxo e confort, e costeadas polo ignorante populacho, que imaxinaba ao seu monarca acariciando un gato en Zarzuela, non empuñando escopetas para matar indefensos elefantes ou osos embriagados de vodka.
O trago da abdicación foi duro, e nada é de estrañar que despois diso Juan Carlos se adicase a percorrer canto restaurante houbese digno de paladar coma o del. Ou a visitar a eses curmáns saudíes que tan ben o trataron sempre e tanto lle encheron o peto. A regatear nos veráns e a descabezar langostas nos clubes náuticos, que os máis de dezaséis mil euros que cada mes lle repartimos entre todos, a algún sitio teñen que ir parar. Tamén alude a articulista ao carácter galaico «reservado», coma unha vantaxe máis de que o rei emérito considere a mudanza a Sanxenxo. Somos calados e discretos e, por tanto, non molestamos. Que máis se pode pedir. Quizais se todo isto chega a facerse realidade, ata as campañas dun coñecido negocio de alimentación pasarán a ser, en vez de o típico «vivamos como galegos» a «vivamos como reises». Hai que adaptarse á nova veciñanza.