Despois da alocución real de cada ano, coma cada ano constátase tamén que perde interese para un bo número de españois, e neste 2019 cae en algo máis de catrocentos mil espectadores, converténdose nun dos menos vistos do seu reinado. En Catalunya directamente marca o fito de ser o menos visto dos cinco anos que leva no trono, pasando desapercibido para unha inmensa maioría de cataláns que non lle perdoan aquel outro discurso do tres de outubro, onde rematou os golpes dados pola Policía na xornada do referéndun, dous días antes. Se hai un pobo en todo o Estado onde o orgullo de seu e a dignidade reinen -nunca mellor dito- por enriba de todo, ese é o catalán. E non perde ocasión de amosalo.

A mensaxe da noiteboa compúxose do habitual, a unidade indisoluble de España coma fin único, as dificultades económicas que sofren outros e os temporais e riadas que levaron por diante vidas e propiedades, deixando miseria e morte ao seu paso. Nada que se sentise na Zarzuela, bunquerizado para que o sono real non se vexa alterado polos elementos. O cambio climático tamén foi unha das súas preocupacións, que terá en conta cada vez que desatraque o iate ou suba no avión para ir á Comunidade veciña. E por suposto, cando para ir ó cine despregue cinco coches para séquito e escoltas. Austeridade fóra de toda dúbida. Nese afán de modernidade e de ir cos tempos, tamén fixo mención ao dialogantes e xenerosos que nos volvemos, despois daqueles tempos de «intolerancia, rencor e incomprensión»,  eufemismos para cando se non comulgabas acababas baixo a tapia dun cemiterio. Do que non dixo nada é desas vítimas da «incomprensión» franquista que seguen nas cunetas, nin moito menos que todo tan malo non era, pois do contrario el non estaría agora bendecíndonos coa súa graza real, senón vivindo exiliado coma Puigdemont en calquera destino europeo, menos en España.
Do que non falou foi do perigoso auxe da extrema dereita, claro que tampouco tería moito sentido despois de velo gozoso estreitando a man de Ortega Smith nun pasado torneo de tenis, mentras pasada diante de Piqué poñendo cara de noxo. Onde vai parar ser catalán con ser un facha que nega a violencia de xénero, que desprecia aos inmigrantes ou que amosa compresión con violadores sempre e cando sexan nacionais. Da violencia machista, por certo, tampouco falou súa maxestade. Máis de cincuenta mulleres asasinadas só polas parellas ou ex-parellas, moitas outras se se contabilizan únicamente os crimes de xénero. Nada tampouco das «manadas» de violadores, da criminalización dos chamados «Menas», rapaces inmigrantes sós aos que tiran artefactos explosivos nos patios dos seus centros, primeiro en Hortaleza e recentemente en Murcia, sen que polo de agora trascendese que fose atopado o seu autor ou autores. Nin unha palabra da recentísima sentenza do TJUE que desacredita coma nunca ao Tribunal Supremo sobre Junqueras. Nadiña sobre a súa inxusta prisión, precisamente mentras vemos ao seu cuñado pasear tranquilamente despois de pasar as festas en familia nun permiso carcelario. Hai clases, por suposto. Non teño unha bola de cristal, nin dotes de pitonisa…pero case me atrevería a dicir que a monarquía en España non é que perda espectadores: perde súbditos. E indica máis que nunca o por que o CIS leva anos sen preguntar por ela nas enquisas: porque é obvio que ten os días contados.