Hai nomes que só mentalos erguen paixóns, que suscitan un afecto indiscriminado, un deses capaces de introducirse no máis duro dos corazóns para facelos latexar de emoción. E tamén, de pura devoción. Nomes coma Fernando, de apelido Vázquez, que aínda fóra do Deportivo, nunca deixa de ser a súa faciana máis visíbel e añorada. Non é só cuestión de resultados, senón da capacidade para cohesionar e ilusionar, para converter un barco á deriva nun lugar confortable e acolledor no que todos queiramos embarcarnos.

Fernando Vázquez é a aposta de Fernando Vidal se o catorce de xaneiro consegue ser presidente do Deportivo de A Coruña, e parece ter bastantes opcións despois duns anos para non lembrar, de escuridade e de derrota absoluta, tanto deportiva coma moral. Un equipo sen identidade de ningún tipo e unha afección corroída polo desalento e o desencanto, pola ausencia de nome propio a quen encomendarse. Antes do anunciado descenso aos infernos, cabe unha efímera esperanza de salvación, quizais de ver, en pleno inverno galego, un florecer que Riazor non contempla dende fai demasiadas primaveiras. Non importa que a realidade siga sendo fea e fría, que se evaporen puntos á mesma velocidade que as pingas de auga cando as bica unha raiola de sol, nin que o soño de Fernando aínda non sexa máis que iso: un soño quimérico que evocar para non renderse.
Entregado ao deportivismo, pero denostado pola incompetencia gubernamental. Coma tantas veces e en tantos ámbitos, os que deciden sobre a vontade de moitos non sempre son os que máis saben, nin tampouco os que soen amosar humildade nin arrepentemento por erradas que fosen as súas decisións. Fernando Vázquez pode chegar ao Depor para facer esquecer unha etapa de siniestro total, de derrumbe psicolóxico e mental dunha cidade que nunca deixou de ter o seu nome nos beizos e que agora, despois das celebracións alleas ao fútbol, cheguen de novo as carreiras pola banda e o corazón na boca para que todos poidamos ver que segue tinguido de branquiazul