Vimos de coñecer que a serie de factura galega «O sabor das margaridas» é unha das favoritas do público anglosaxón, principalmente Reino Unido e Irlanda, que poden desfrutar grazas á plataforma Netflix, que a mercou para emitila en cento oitenta países na súa versión orixinal e cos subtítulos pertinentes que correspondan. Non tería nada de estraño se, antes diso, os seus produtores non tentaran abrir mercado no panorama estatal, onde ningunha televisión española estivo interesada na súa estrea porque, básicamente, estaba rodada en galego, esa língua de aldeáns que a santo de que en Madrid, Soria ou Badaxoz alguén tería porque escoitar falar no seu televisor, e xa non digamos poñerse a ler subtítulos precisamente en España, un país onde un estudo reflicte que máis do corenta por cento dos seus habitantes xamais abriron un libro.

Está ben que cada un na súa periferia fale o que estime oportuno, igual que se fai co folclore, que cada quen ten o seu e está moi ben mentras non queiran impoñerllo ao resto. Pois co idioma igual, vale que na Constitución diga que son tan válidos e oficiais coma o castelán, pero non di nada de que haxa que coñecelos máis alá dos seus nativos propios. E aínda así, depende, que sempre podes atoparte cun decretazo polo que ata o Consello de Europa teña que tirarlle das orellas a gobernos coma o  galego, por impedir que se empregue máis no Ensino. A Netflix non lle importaron os prexuízos, e «O sabor das margaridas» foi subtitulada ata en chinés. Son os réditos de non ser un pailoco pretencioso que pensa que fóra do castelán todo é innecesario. Quizais a pouca querencia dos españois pola lectura e polos idiomas teña que ver con iso, con non ter o oído feito a nada máis, nin con ter que ler uns subtítulos que, de paso, ensinan ortografía e gramática, que tanta falta fai e como acontece en moitísimos países, con canles exclusivas adicadas á versión orixinal.
Hai non moito tempo, nos cines do centro comercial ubicado nos Cantóns da Coruña, había unha sala onde só se proxectaban películas en versión orixinal subtitulada, non necesariamente de estrea, pero sí cine de calidade que non se atopa no resto da carteleira da cidade. A sala chamábase «Castelao» e era a  número un, pequeniña e cálida, acolledora e íntima. Fun a ela non poucas veces, sempre que puiden, mais unha tarde decateime de que na película que poñían non había o típico «VOS» no cartaz e preguntei. Moi amablemente, explicáronme que pecharan esa función: non ía ninguén. Só catro «raros». Aínda non deixei de botala de menos. Parece que finalmente haberá que mudar o cine pola televisión de pago para quen quere desfrutar do sabor orixinal, agás pequenas excepcións coma «O que arde», estreada estatal e internacionalmente únicamente en galego, o que non lle impedíu colleitar un éxito rotundo de público, crítica e múltiples premios. Só hai que atreverse