Que en pleno século XXI, nun Estado supostamente moderno e desenvolvido, coas súas infraestructuras, rede educativa e sanitaria optimizadas para garantir o benestar da cidadanía, exista un problema para poder parir sen expoñerse a maiores perigos que os que poidan ir aparellados en cada caso, resulta, coma pouco, desalentador. 

Pero iso mesmo é o que está acontecendo en Verín, co peche consumado por parte da Xunta de Galicia do paritorio e as urxencias pediátricas porque xa non nacen tantos cativos coma antes e os que nacen, pois bueno, tampouco ten porque ser a pé da súa localidade, como acaba de dicir o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que considera que un parto é cousa de horas e hai tempo de sobra para o desprazamento. Non estaría de máis que alguén que sí saiba do tema o informase da cantidade de mulleres que pariron nunha estrada, ben nunha ambulancia, nun taxi ou no coche particular, algo que deixou prácticamente de pasar coa chegada dos hospitais comarcais, que atendían un ratio amplo de pequenas vilas, e fixeron que parir non fose a odisea á que agora queren facernos voltar. Quizais o problema neste caso -coma noutros- veña de que sexan homes os que deciden o que é mellor para as mulleres. O eterno «mansplaining» onde somos tan torpes que ata para parir saben mellor eles o que nos convén.
A culpa, di a Xunta, é dos médicos, que non se cansan de pedir melloras para dar un servizo seguro, eficaz e cos mínimos riscos. Non se conforman e todo se volve pedir, como se Feijóo non tivese outros gastos coma invertir en propaganda nos xornais de cabeceira para súa maior gloria. Parir preto da casa ou ter un pediatra ao que levar o cativo sen ter que engadirlle unha hora de traxecto son luxos prescindibles. Nin que fose un infarto, que diría o Conselleiro Almuíña. Poden viaxar tranquilamente despois de romper augas ou con corenta de temperatura no caso dos nenos ou nenas, que xa sabemos que aguantan o que lles boten. Son os tempos modernos da Xunta de Galicia, onde querer ser nai a unha idade máis avanzada que fai unhas décadas ou esperar xemelgos é motivo de exilio parturento. Máis que modernos, e coma cantaban Los Ilegales, son tempos salvaxes.
Fotografía. La sexta