O termo «mansplaining» xurdíu despois do libro da norteamericana Rebecca Solnit titulado «Os homes explícanme cousas», e que versa sobre a desigualdade entre homes e mulleres, pero narrado dende pequenos ensaios mordaces nos que non é difícil recoñecerse e que todas, dun xeito ou outro, temos vivido. Tamén, outros nos que quizais nunca deramos reparado, por habituais e normalizados: son os micromachismos. Cada páxina que les afondas nun mundo no que ser home leva implícitos uns roles que ninguén se prantexaba discutir ata que o feminismo cobrou forma e o rol da muller, relegado á sumisión e admiración masculina, rebelouse para mudar todo iso na procura dunha igualdade real, aínda utópica, pero que libros coma o de Solnit achegan un pouco máis á meta.

Parece evidente que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, non tivo ocasión de lelo, pois a súa conduta na sesión de control do Parlamento, parece demostralo. Ás portas dun novo día contra a violencia machista, o vindeiro 25 de novembro, Feijoo foi inquerido pola oposición sobre tal cuestión, sobre todo despois de ver como actúan os socios de goberno do seu partido en Andalucía ou Madrid, mesmo onde nesta última comunidade VOX vén de impedir a declaración que nesa data se facía a nivel institucional dende o ano 2005 rexeitando a violencia machista. Que haxa cincuenta e unha vítimas desa violencia asasinadas este ano non parece conmover gran cousa, nese afán da extrema dereita de querer negar que o machismo mate, desnaturalizando o traballo de anos a prol dun mundo onde as mulleres non morran por selo. Feijoo, que non sabemos se coñece o «mansplaining» pero exérceo moi ben, arrogouse o dereito de falar por todas as mulleres de Galicia. O paternalismo e a condescendencia, base do «mansplaining», saíndo a borbotóns dos beizos do presidente da Xunta, pobres parviñas que precisan un liderazgo -dun home, claro- que fale por elas e marque o seu camiño. Que non se diga que non mira por nós. E por suposto, os malos están na oposición, que buscan politizar coa violencia de xénero mentras el, o descendente único do salvador cristián, eríxese no protector absoluto de todas as «nosas» mulleres. Así, empregando un posesivo que non deixa lugar a dúbidas.
Tivo que ser a portavoz do BNG Ana Pontón a que lle lembrase que as mulleres -ningunha- ten dono de ningún tipo. Que somos libres e non precisamos homes que nos «protexan». O que precisamos é igualdade de oportunidades laborais, conciliación, soldos equiparables desenvolvendo un mesmo traballo, axuda para a Dependencia e, sobre todo, educación para que as xeracións futuras nunca teñan que coñecer o «mansplaining». E moitísimo menos, ter que sufrilo coma na intervención de todo un señor presidente da Xunta. A Rebecca Solnit, nin lle sorprendería.