…»Mézclate conmigo…que bajo mi rama tendrás abrigo». É parte da letra dunha canción moi popular, que interpretaron varios artistas e que segue soando en moitas ocasións, pero que tamén podería ser o fin último de moitos medios de comunicación españois e, por suposto, galegos. Coma ese tan coñecido que onte publicaba unha agresión nunha froitería porque á venda tiñan peras catalanas, e pasou un respetable señor que atopou iso impropio. E menos mal que tiña posto no carteliño «Lérida» e non «Lleida», porque daquela quizais aínda tivese sido peor. Igual non ten nada que ver que ese mesmo xornal, fai apenas uns días, titulase a toda páxina que había un exército de 4.500 violentos despostos a separarse de España polas bravas e pola armas. Non é algo aillado, «golpistas» é o termo máis usado pola prensa nacional e estatal, por máis que agora a sentenza determinou que non houbo golpe de Estado ningún. Pero iso xa pasou a un segundo plano, para que afondar no que xa non ten remedio. Mellor seguir botando leña ao lume e criminalizando a protesta, a diferencia de opinións, as lexítimas aspiracións que cada quen queira acadar polas vías democráticas ou, sinxelamente, o feito de ser nado en Catalunya. Que por moito que digan alí non pode haber ninguén bo.

Non parece propio dun país con «democracia consolidada» coma nos vende o goberno nese épico vídeo onde tratan de autoconvencerse e de convencernos que o somos, que un cidadán aparentemente corrente, deses que probablemente saúdan todas as mañáns e do que os viciños dirían que era absolutamente «normal», perda os estribos de tal xeito que acabe agredindo a unha vendedora porque parte da  mercancía é catalana. A mesma agredida, nas declaracións posteriores, fixo un apunte dicindo que xa lle tiñan comentado que había cousas que non vendía precisamente pola súa procedencia. Que clase de cerebro acaba tan embrutecido para chegar a esas cotas de sinrazón. Que horas de tertulias e de titulares de prensa manipulan ata ese punto onde ver ao diferente coma un inimigo ao que combater coma sexa. A criminalización do independentismo, do dereito a manifestarse, a banalización dos anos de cadea por nada, a obscenidade de políticos que comparan Barcelona con cidades que viven auténticos xenocidios coma Alepo ou Bagdad, son o caldo de cultivo para que avós que pasean tranquilamente pola rúa, acaben alporizados porque unha froitería venda peras catalanas. E que sinta unha carraxe tan intensa que teña que entrar e agredir á froiteira. Por unhas peras, lembremos.
O colapso informativo, todo orientado ao mesmo sesgo, só é contrarrestado nas redes sociais, ás que non todos ou todas teñen acceso. Por iso non estraña escoitar conversas onde a realidade é absolutamente terxiversada, do mesmo xeito que arrepían programas e xornais de papel onde a veracidade e o rigor non teñen cabida. Só alimento para as bestas. «Se non estás prevenido ante os medios de comunicación, farante amar ao opresor e odios ao oprimido». Malcolm X non coñecía á froiteira da Coruña nin ao doce avó que pasou por diante da súa tenda…pero sen sabelo, xa falaba deles.