Aínda que teña o alcume de «A Panteira», Iñaki Williams é un dos leóns máis representativos do Athletic de Bilbao, e sabe dende ben pequeno o que custa sobrevivir. Inmigrante xa antes de nacer, cando súa nai saltou a valla de Melilla con el no ventre, buscando o soño europeo que prometía a fortuna que na Ghana natal non se atopaba. Iñaki é un negro rico. Ninguén se prantexaría devolvelo «en quente» na fronteira, nin pechalo nun centro ata novo aviso. Ningún político falaría del con desprezo, nin faría elocuentes descursos berrando ben alto que quita o pan dos españois. Iñaki Williams xa sabe o que é defender as cores nacionais na selección SUB-21. Un máis, sen pasado pero con moito futuro. Cativos e grandes querendo facerse fotos con el, carne de diario deportivo cada domingo polos seus goles, obxectivo codiciado de xornalistas e afeccionados. O león Iñaki, español de nacemento, pero ilegal de berce.
El mesmo vén de contar a historia da súa nenez. A das fatigas e carencias, a da nai cos pés abrasados mentres cruzaba o deserto de areas ferventes. Xente normal, coa única tara de ser pobres no seu país e querer prosperar noutro, algo tan inherente outrora aos españois como agora o é para os africanos. Millóns de galegos poden contar esa mesma historia. Faino Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enríquez e tantos outros nas obras máis recoñecidas da nosa Literatura. Iñaki Williams, dentro de todo, aínda tivo sorte: non vén só. Non foi un «Menor estranxeiro non acompañado», un MENA para as frías e asépticas estadísticas. Un termo que non obriga a lembrar que son nenos e nenas e, sobre todo, que se veñen sós non será por gusto nin deles nin dos pais. Só son un produto da extrema desesperación, pois ninguén, absolutamente ninguén, bota ós seus fillos ao mar se non é por imperiosa necesidade. Pero quen se vai poñer na pel deses pais e nais?. Os políticos nacionais e europeos están demasiado ocupados en emprobecer máis se cabe os seus países de orixe. Abandoados no medio do mar coma unha chalana en desuso, ou ensartados no espiñoso alambre da valla fronteiriza. Náufragos tamén en terra.
Iñaki Williams é a outra cara da moeda da inmigración. A que non nos contan. A das familias que chegan para subsistir, que se integran, que só precisan un oco, un sitio onde medrar ao calor da paz que non deron atopado na patria natal. Iso é o que representa Williams e a súa familia. O mesmo que tantísimos outros que nunca chegaron, que sucumbiron a unha pateira volcada ou ás autoridades dos estados «civilizados». O león durme, pero non esquece.