Por © Xabier González

Empezou lapiñando e acabou chovendo a cachón, a desnaturalización ten estas cousas inexplicablemente explicables que empezan como  minucias e terminan como catástrofes.

  • Galicia é un participio, Xabier
  • E logo?
  • Queda a desmán de si mesma, a repelo, na procura dunha raxeira; sen que ninguén dealle cheda, dáme a espiñada de que hai que roe-lo chito e perder coidado xa que, por fas ou nefás,  non ben raie o día, non somos quen de que as sementes agromen e deixemos de andar a pioca runfando de apañar as sobras que ninguén quere comer.

Naquel solpor xa lonxano, Moncho “O Crego” falaba para min nese Galego que xa non se fala por ser lingua na que @s ignorantes das aldeas, mal que lle pese as Cátedras, trasmitían a sabedoría ancestral que tiña tan fondo respeto polos problemas cotiáns que faciase amigo deles dandolle, as máis das veces, resposta axeitada.

Moncho foi un home do seu tempo que casou con Felisa –dona da chave da adega e “governadora” fáctica da súa tribo-;  un home da terra que medrou entre os catorce  regos de labrada  do seu  eido máis grande, moito menos  obediente do que aparentaba, un activista con respectado sitio na “tribuna” da capela do Santo Pantaleón, desde a que deixaba que a súa “visión periférica” perdésese na plenitude do nada mentres, tamén,  asistía a misa cada domingo “polo si ou polo non”.

Moncho é un deses últimos  Mohicanos irredutibles, que sabe perfectamente que o que pasa víase vir e a ninguén debe coller por sorpresa que haxa chegado para quedar, como unha realidade fatal,  invertebrada e terrible, diante da que moito hai que facer para deter a súa  genocida e destrutora conduta. Desde os despachos con aire acondicionado, en cada unha das sisudas reunións de “todolosaben”  urbanitas de traxe e garavata, púxoselle o nome de “A Galicia Vaciada” –ou “baleirada” para os que queren ir de galeguistas mayúsculos en minúsculas- e quedáronse tan panchos; totalmente alleos a que a súa ancestral denominación é, foi sempre, “Galiza asoballada”.

Como diría Moncho, asoballada tamén é un participio…  Do que non hai dúbida algunha é que rima extraordinariamente ben con esa Galiza eterna que carece, polo de agora,  de diérese nacional recoñecida e por iso é tan difícil, case imposible, pronunciala coa forza suficiente e necesaria para que se escoite.

Antes fixerono outros e outras, pero nos tempos contemporáneos de asoballar as terras rurais encargoronse, sen exclusións, todas as Xuntas de Galicia (monocromas,  polícromas e  bicolores, sen distingo) en alianza perpetua cos poderes fácticos donos do diñeiro (branco, negro e de outras cores e cheiros). Investir fora da Galicia foi o negocio das élites Galegas, das castes de oligarcas e tecnócratas que –coas neuronas requentadas polo birrete- cavilaron que a Galiza do futuro era urbanita e que chancas e boinas nin eran ben vistos nin tiñan sitio. Poucos resistiron esa praxe de asoballamento concienzudo e genocida, tan só algúns reductos dun sindicalismo agrarista –coas súas  luces e sombras- que pisaba bulleiro para escándalo e escarnio de moitos políticos e forzas panhispanistas e tamén nacionalistas.

E foi así que os montes deixaron de ser os “Bancos do pobo”, que os presupostos e da Xunta nunca contaron cunha partida para arranxar os camiños rurais e pouco a pouco desapareceron esas auténticas autoestradas da micro gran economía popular, que as pensións dos vellos criaron xeracións “next” de “desocupad@s” –que non é o mesmo que “desempregad@s”- con coche para andar de feiras, levar o médico e “traballos” semellantes; que pouco a pouco, do diñeiro fixeronse donos os bancos, nun primeiro paso para expolialo coas preferentes ou de convertilo nunha conta pola que hai que pagar e unha tarxetiña de plástico. Podería extenderme máis, pero o certo é que a capacidade real de xestionar a economía propia, que tiña o seu último bastión no rural, pasou a ser un imposible; o modelo que se impón manu militari ven das mesmas contornas urbáns e do city lifestyle que axudaron a esgotar as reservas e aforros do rural.

Hoxe a Galicia Asoballada padece de penuria demográfica nas aldeas precisamente por estar asoballada e “deconstruida”; o sinxelo sería reducir todo a que ten máis parados improdutivos dos que pode e menos vellos pensionistas dos que necesita… pero é unha falacia, tan falsa como que a repoboación rural vai vir da man de xubilados de outros países que merquen casas nos pobos, para rehabilitalas e construir unha sociedade rural nova de mulleres e homes de setenta anos sitiados pola incomunicación e os xabaríns.

¿Qué facemos?  Non é casualidade que o motivo central do noso himno é que Galicia esperte do seu soño e emprenda o camiño cara á liberdade, escoitando, para iso, a voz dos rumorosos piñeiros, que simbolizan ao pobo galego. Dito así soa doado…

  • Moncho, o reuma que tal vai? dos
  • Xabier, piñeiros a darlle cun pau e menos solimandras!, que ha barro na costa e queren convencernos que estamos no peneiriño!. Vaiche boa lúa polo carreiro da illa!, c’un caxato daballe nas costas, abofé!
  • Coidate, irmán, saúde e terra!, seguir seguirá chovendo pero non deixaremos de loitar para que escampe…
  • S’ós iñorantes, e féridos e duros, imbéciles e escuros, no-nos entenden, non…

opinion@xabier.gal

@xabiergzalez