«Case temos máis galegos que o Depor», foi a frase de Luisinho, xogador do Huesca, para recibir a Pablo Ínsua. E verdadeiramente, pode quitar o «case», porque os galegos do equipo oscense dobran aos que militan en Riazor: Dani Giménez e Álex Bergantiños. No Huesca son catro, sen incluír ao propio Luisinho, medio galego xa despois do tempo pasado aquí, e a Alberto Leira, que en principio parece que xogará co filial. Juan Carlos Real e o propio Ínsua foron criados en Abegondo, canteira deportivista que, sen embargo, non chegaron a ser profetas na súa terra. David Ferreiro é ourensán e sabe o que é xogar en Galicia e fóra dela. Outro cantar é Pedro Mosquera, que pasou de capitán a ser despedido sen honra nin gloria. 

Fai anos que a canteira do Deportivo da Coruña só serve para engordar clubes alleos. Ou para adornar no comezo dos partidos, presumindo de ligas e trofeos conquistados polas categorías de Base. Pola contra, nesa realidade absoluta de que as comparacións son odiosas, está A Madroa. O berce celeste que este domingo, sen ir máis lonxe, soltou as amarras ao seu primeiro xogador nado no século XXI. Iker Losada, dezaoito anos,  é de Catoira. E abondáronlle pouco máis de tres minutos para facerlle un gol a Courtois. Alguén imaxina, só por un intre, a un canteirán do Depor debutando coa maioría de idade recén estreada en Riazor?. Nin sequera en Segunda. O Celta é un equipo identificable para a afección, con xogadores que non hai un rapaz vigués que non coñeza e que non queira imitalos. Que non sospire por ir ao campo cada domingo a dárlle alento coa camisola do seu ídolo enfundada. É a paixón por uns xogadores que levan alí toda a vida, cos que moitos compartiron pupitre, ou adestramentos ou festas. Recoñecibles, admirados pese a non chegar de ningún país exótico, nin ter un apelido impronunciable. Os xogadores cotidiáns que en Balaídos adquiren pátina de heroes porque alguén decidíu apostar por eles.
Este vindeiro domingo, o Huesca falará galego diante do Depor. Tan paradóxico coma que no Depor esa sexa precisamente a língua máis minoritaria. Estranxeiros na súa patria, como diría Rosalía (de Castro, que agora hai que recalcalo). En Abegondo, mentras, seguirán formando futbolistas, botando a andar xeracións enteiras de ilusionados cativos que soñan con trotar ese céspede bañado en salitre a carón da praia. Ata que o soño se converta en pesadelo e quizais o cabalguen, sí…pero a lomos doutra montura. Practicando para ser, algún día, estranxeiros na súa patria.