Din os rumorosos  que ante a deriva do Partido Popular de Casado cara a unha dereita máis conservadora e alonxada da centralidade, compartindo proxectos, linguaxe, formas e contidos cos ultras de Vox; malia a que nos últimos días o señor Casado anda metido no papel de home de Estado. Como podemos ver e segundo ao seu interese conveña, estes novos políticos actúan coma monicreques só por esixencia do guión, papel  que interpreta á perfección o líder do principal partido da dereita tripartita. O que non sabemos é se os cidadáns deste país van ser tan crédulos sendo partícipes e cómplices desta comedia.

Mentras isto sucede alén do Padornelo, o PPG anda co medo no corpo e argallando un proceso de alonxamento dos seus xefes da vila de Madrid.

O presidente Feijóo xa non disimula, participa en actos públicos de homenaxe a galeguistas sobranceiros como Alexandre Bóveda e Rodolfo Prada Chamochín, o primeiro fusilado polos franquistas no monte de A Caeira en Poio (Pontevedra) o 17 de agosto de 1936. E non queda aí, o señor Feijóo para esta magna ocasión loce a insignia do histórico Partido Galeguista. Se son o vexo, non o creo, pero alí estaba relucente na súa solapa. Xa sei que o hábito non fai ao monxe, pero por algo se comeza.

Este cambio de símbolos non é un feito illado no PP, pois xa son varios os dirixentes que nas pasadas citas electorais meteron na gaiola a gaivota, símbolo identitario do partido conservador. Pobre animal, que culpa lles terá! A non ser por aquela superstición dos mariñeiros, cando as gaivotas se alonxan do mar cara a terra “ gaivotas á terra, mariñeiros á merda”. Agardo non ofender aos meus prezados mariñeiros.

Un feito obxectivo deste alonxamento é que o de Ávila xa non tén en conta as suxerencias que lle tén feito o dos Peares, no senso do nomeamento de voceira ou voceiro para o Congreso dos Deputados. Pois para amolar ao galego, velaí a proposta da tan grande e ilustre señora dona Caetana Álvarez de Toledo para tan merecido cargo. Ata cando, Pablo, vas abusar da súa paciencia!

Tamén  aos rumorosos lles pica a curiosidade de saber quen lle colocou ao presidente da Xunta aquel símbolo sagrado, habida conta do seu significado. Se se trata só dunha operación  de maquillaxe e de lavado de imaxe, ou se hai algo máis. Mais outros xa andan pescudando no pasado  do dos Peares, e din que nos seus tempos mozos andou flirteando cos do puño e a rosa vermella, incluso votándolles. E agora quen sabe, a cabuxa tira ao monte. 

Este xornal xa deu conta desta nova cando se estaban producindo os feitos, incluso foi obxecto dun artigo de opinión  do galeguista  Xosé Edrosa “ As termas ferven a callón “ , no que este autor, despois de facer unha interesante semblanza das peculiaridades do pai e fundador do PP na súa arribada a Galiza, vinculaba estes feitos coma un andazo estacional localizado no Sul do interior de Galiza. Mais agora coa implicación do presidente, o asunto conquire outro calado. Que todo sexa para o ben da Terra!