Xosé Edrosa Leal

Neste tempo no que o disenso e a controversia son o  pan de cada día que nos ofrecen os políticos, aqueles que nos mesmos nomeamos para que nos representen e nos axuden a arranxar os nosos problemas. Imos apañados! No único que se poñen de acordo é para fixar os seus soldos sempre á medra. Mais non todo son malas novas, pois nesta semana de despedidas, sucedeu na cidade de Lugo un feito que ennobrece á nosa clase política, e que é merecente de adicarlle esta crónica:

 No meu café da mañanciña, que compaxino coa primeia ollada aos dous xornais que leo a cotío, abro a primeira páxina e vexo á xefa da oposición na Deputación de Lugo compunxida e cos ollos bagoentos, falando ben do ata agora presidente do ente provincial. Quedei atónito e coa ialma nun puño. O primeiro que me veu aos miolos: algo grave debeu pasar, unha desgraza, morreu o Darío. Sego lendo e axiña me decato que non se trata da súa morte física, senón da política, no seu caso atenuada ao seguir sendo alcalde de A Pontenova, tal como este servidor lle tiña vaticinado cando comezaron as exequias do seu pasamento político.

Afianzado e ao mesmo tempo aliviado do que alí se trataba, xa vexo a don Darío despedíndose cordialmente do persoal, tamén da señora Candia, aínda que na súa faciana líase o sufrimento, pois non semellaba ser día de festa. Logo de ler as verbas loubatorias da alcaldesa de Mondoñedo, salientando as virtudes do gloriosamente fenecido presidente, recoñecéndolle a súa capacidade de diálogo para chegar a acordos, méritos por certo escasos nos tempos que estamos a correr.

Visto o dito pola señora alcaldesa da antiga cidade de Mondoñedo, un pregúntase: e se o de A Pontenova é tan dialogante como ela di (cousa que non dubido), entón a que se debe o feito de estar amolando nel ata facerlle encandecer, valéndose do deputado díscolo que andaba saltando dun lado para outro? Pois, digo eu, xa puido ter aforradas todas aquelas andrómenas. Cousas da política!

Pola súa banda, don Darío mostroulles  o seu agradecemento aos da corporación polo tono das súas  intervencións de despedida, ao tempo que tamén lles fixo saber algo obvio: que o seu mandato fora duro, pero grande en aprendizaxe. Comprendo e creo ao señor Campos, pois nas súas verbas  hai sinceridade, xa que neste tempo convulso tivo que aprender sobre todo a levar coiteladas polas costas, tanto dos seus, que son as que máis doen, pois as dos alleos xa as agardas. Seguramente máis dunha vez tén cavilado subir a Taramundi, mercar unha boa “faca” para levala aos plenos, non, obviamente, co ánimo de facer ningún mal, senón para disuadir ao persoal das malas tentacións; aínda que para iso abondaban as furacanadas saídas do deputado de Pol, o que con un soado meca… arranxaba de súpeto o asunto; logo unha visita ao crego da parroquia,  que  xa o tiña acostumado e sabía do pé que coxeaba, a rezar un noso pai e catro avemarías, e ata outra. E xa que estamos no eido das despedidas, non sería xusto esquecer deste deputado de prontos furacanados  o seu labor á fronte da “Granxa Gayoso Castro” xa que foi o máis salientable dos que por alí pasaron. Agardamos que o novo deputado sega o mesmo exemplo.

Para rematar, o que máis me chamou a atención de todo este peculiar proceso de recambio, de recoñecementos e loubanzas alleas, foi o sepulcral silencio dos seus, pois nin tan sequera se escoitou unha soa voz pública con autoridade, incluso a de aqueles experimentados no arte de erguer o pescozo para saír na foto con el nos tempos de bonanza, que lle dixera, estamos aquí ao teu carón para o que faga falla.  Ante feitos coma este, din na miña  aldea: “ Así pago o demo a quen o serve “. E seguindo polo camiño dos ditos, que razón  de aquel outro contado en lingua castelá “ El muerto al hoyo y el vivo al bollo “. E  aí aparece o señor Tomé encarnado  neste papel, o novo herdeiro que non quería saber nada na súa parte no pazo de San Marcos. Vaia para o do Val de Lemos, que se chega ter interese….!