A nadadora catalana Ona Carbonell acaba de converterse en Gwandju (Corea do Sur), na muller máis laureada do mundo en natación, grazas ás vintetrés medallas que atesoura na disciplina de sincronizada, e só adiantada por dous homes coma Lochte e Phelps, auténticas lendas da piscina. Aínda sen rematar a súa participación no mundial coreano, pode ver incrementado o seu medalleiro e a súa hexemonía. 

Pese a tamaños logros, Ona non é destacadísima figura de portada nos xornais deportivos, nin ocupa interminables minutos nos programas televisivos. Un recadriño por debaixo da cumbre de Florentino e Zidane en Montreal no diario de cabeceira de Rajoy, o Marca, e noutros o ostracismo ata páxinas interiores. Nada que ver cun Balón de Ouro, nin con ese gol que será reproducido en bucle durante horas e que será analizado dende todos os ángulos por expertos e tertulianos. Ona Carbonell ten récords que nunca serán remotamente publicitados a esa escala, nin se lles concederá maior trascendencia que a de recalcar outro éxito do deporte español. Tampouco será perseguida polos aeroportos, nin terá roldas de prensa multitudinarias onde dar conta do duro traballo que supón chegar a onde está. Ona tamén foi a primeira en innovar nun dos seus exercicios premiados, substituíndo a música de rigor por un discurso de Nelson Mandela apelando ós valores do deporte. Só unha sutil melodía de fondo e a  voz de Mandela ponderando contra o racismo e o apartheid, arma de integración que el tan ben soubo implantar no seu país cando chegou á presidencia. Nada que ver cunha chilena na área. Nin con unha fichaxe que leva tres meses no candeleiro, que abre cada día o tempo do deporte porque iso tamén vai bater un récord: o de minutos incontables sen dicir nada novo. Pero é o que interesa.
Ona é a mellor do mundo non porque o diga un medio deportivo ou unha tertulia. É a mellor do mundo porque o avalan os seus resultados, as vintetrés veces que subíu ao caixón para colgarse unha medalla aínda que eses mesmos medios pasasen de longo en multitude desas ocasións. Ona, sinxelamente, non precisa máis recoñecemento que o que lle proporciona o seu traballo e esforzo. Pero se o tivese, se non fose muller e se adicase ó fútbol ou o tenis en España, podería saborear as meles dos seus triunfos coma merece: a portada diaria. Pero aínda non chegou ese día.