Quédase curto o popular estribillo da canción de Os Resentidos para definir a onda de calor que mantén en alertas de todas as cores a prácticamente toda España, agás o Norte con Cantabria, Asturias e Galicia coma oasis no medio do deserto. Certo é que a nosa Comunidade sempre carga co estigma dun clima inestábel, grisáceo e onde o orballo é tan típico e está tan presente como a Catedral de Compostela en calquera época do ano. Xa non é realmente así, pois a desfeita do cambio climático afecta quizais en menor medida que noutros lares, pero a ninguén nos pasa desapercibido que nin os invernos son o que eran, nin os veráns tan escasos coma lembramos na nosa nenez. 

Pero este verán en concreto, que a case primeiro de xullo aínda non aterrou en Galicia, está sendo a envexa de todo o Estado español, mergullados en abafantes temperaturas que aumentan a cada nova previsión, con incendios declarados e vivendas desaloxadas en infernais escearios que superan ós habituais de cada ano, e que tamén chegaron moito máis cedo. Unhas previsións que auguran que o peor está por vir, e que se recruderán esas condicións coa chegada da fin de semana, nas que o calor, tanto de día coma de noite, farán que vivir sexa básicamente sobrevivir. Mentres todo isto comezaba, en Galicia chovía intensamente todo o día de San Xoán, mollando a terra e poñendo a salvo ós montes, tan castigados outras veces xa por estas datas.
Amence o día entre brétemas e humidade, con cheiro a salgado e xente polas rúas con chaqueta e paraugas baixo o brazo porque aquí, ás veces, un chaparrón implica que pode durar toda a tarde. Despois, tímidamente, o ceo vai quitando o impermeable e regala uns raios de sol para que non esquezamos que segue aí, agazapado pero presente, dosificándose, coma pedindo permiso para facer acto de presenza.
É o verán cálido que sempre foi distintivo do noso país, que fai pasillo ás borrascas en canto tocan Cabo Fisterra, e que regan de vendaval esas tardes de calma chicha nas que o Nordés está de vacacións.
Galicia tamén é un paraíso estival cheo de praias de area fina e branca coma non se atopa noutros lugares, de terrazas e de festas ao ár libre espalladas por toda a nosa xeografía.  De cando en vez, pois sí, estragadas pola inesperada convidada da chuvia, que tamén aparece nesa voda na que hai que mudar de sitio para sacar as fotos, pero na que se comerá de luxo co fresco entrando polas fiestras.
Da gusto ollar as nubes pelexándose co sol, sabendo que noutros lugares tan preto de nós non poden erguer a vista para non quedar con ela achicharrada, nin poden ir mollar os pés á beira do mar coa roupa posta. Non poden camiñar por onde queren e á hora que queren, sen restricións e sen medo a sofrir un golpe de calor, coma tampouco poden facer iso tan cotidián de ir baixar a persiana e botarse a durmir cunha colcha por enriba. Iso, só o podemos facer os e as galegas. E se alguén considera que iso non é unha parte importante do noso atractivo….que se anime a viaxar un pouco. E que vaia preparado para un sol de carallo.